Este proxecto de Lei constrúese sobre 4 patas: a substitución de empregadas e empregados públicos por empresas privadas, a cobertura legal para prácticas irregulares de contratación, a xustificación de creación de macroentes e o control de si mesma por parte da Administración.

En abril a Xunta presentaba públicamente o seu anteproxecto de Lei de racionalización do sector público. Desde o primeiro momento a CIG interesouse polo documento e, dado que o contido afecta a cuestións de persoal, solicitou que se abrira unha mesa de negociación para tratar estes aspectos. Con data do 11 de xullo, Función Pública vén de remitirnos o último borrador para que presentemos alegacións ás cuestións de persoal contidas especialmente no titulo IV e as disposicións. Dannos de prazo ata o 17 de xullo. Agardamos que Función Pública non pretenda substanciar este trámite recollendo un escrito de alegacións sen facer maior caso.

Órganos que aparecen directamente afectados neste anteproxecto son: o Instituto Galego de Estatística, o CIXTEC, o Instituto Galego de Consumo, o Consello Galego da Competencia, o ISSGA, a Academia Galega de Seguridade Pública, o INEGA e AGADER, entre outros. Tamén lexisla sobre a futura macro Axencia Galega de Servizos Sociais na que está afectada a Consellaría de Traballo e Benestar, o Consorcio e os concellos.