As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, veñen de interpoñer recurso ante o Tribunal Supremo contra as sentenzas polos Conflitos Colectivos presentados diante do TSXG, nº de autos 13/2013 e nº de autos 14/2013, que denegan o dereito a descanso adicional por traballar en festivos e domingos ao persoal laboral que traballa a quendas en xeral e ao persoal laboral do SPDCIF en particular.

Os motivos que levan a presentar este recurso son:

1.- Que non compartimos os fundamentos de dereito da Sentenza do TSXG, pois a referencia que fai o Tribunal ao Decreto 2001/83, sobre regulamentación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, é claramente restritiva ao deixar sen efecto calquera compensación adicional ben en tempo de descanso ou en diñeiro, optando por considerar os días festivos e domingos como calquera outro día de traballo.

2.- Que apelar a unha interpretación retorcida de que só en caso de circunstancias excepcionais ou por razóns organizativas se podería aplicar o artigo 47 do Decreto 2001/83, é tanto como dicir, que este artigo só se aplicaría si se traballasen os 7 días da semana, o que obviamente constitúe unha aberración xurídica.

3.- Que concluír, que traballar a quendas non é unha excepcionalidade e que traballar os domingos e festivos é o habitual para negar a aplicación da compensación, resulta francamente inaceptable.

En consecuencia, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, a mais de presentar o recurso ante o Tribunal Supremo, para que corrixa esta aberración xurídica do TSXG, instamos a Xunta de Galicia, a que reabra as mesas de negociación do persoal laboral da área de Benestar e do SPDCIF, para acadar un acordo de carteleiras e de compensación por domingos e festivos traballados.