Nos cinco anos que leva o PP a fronte do goberno galego foron incapaces de definir unha estratexia para previr e extinguir os incendios forestais. Aínda ecoan as palabras do actual delegado do goberno e anterior Concelleiro do Medio Rural dicindo que limpar o monte non vale de nada para previr os incendios.

Unha mostra clara da neglixencia destes dirixentes políticos é a xestión do persoal dedicado ás labores de extinción:

Até o ano 2011 mantiveron aproximadamente o mesmo continxente e similares xeitos de contratación que o goberno bipartito, pero o ano pasado decidiron prescindir de ¾ partes do persoal contratado a través da empresa pública galega SEAGA (de 2225 efectivos no 2011 a 530 no 2012) e contratar a través da empresa pública estatal TRAGSA 1160 efectivos, ademais de entregarlle a xestión das brigadas helitransportadas a unha empresa privada (Naturtecnia).

Este ano volven prescindir de TRAGSA, manteñen a empresa privada nas brigadas helitransportadas (eliminando a brigada de O Barco e a de Portomarín), diminúen a contratación de persoal temporal propio (PLADIGA), de 738 a 436, inventan os GES (grupos de emerxencia supramunicipal), que substitúen aos antigos GRUMIR e introducen como gran novidade as brigadas municipais, cunha previsión de 2629 efectivos, que viría a suplir o descenso de temporais da Xunta e a eliminación de TRAGSA.

Pero contrastemos estes datos coa realidade obxectiva a día de hoxe, cun índice de risco de incendios forestais na maior parte de Galiza do 70%.

O persoal de SEAGA acaba de ser contratado e aínda se están a incorporar, entre o persoal propio da Xunta hai un 30% de prazas sen cubrir, os GES  están en fase de contratación con demandas polo medio en canto á forma de selección que como mínimo as van retrasar ate mediados de agosto, a contratación dos avións de carga en terra aínda saíu publicada no DOG a semana pasada, e a cacarexada contratación dos 2629 efectivos a través dos concellos é unha quimera imposíbel de realizar. Muitos concellos néganse a aportar o 25% do custo das brigadas, os convenios na maior parte dos casos están sen asinar e nos casos nos que se formen as brigadas municipais está por ver que acepten cuestións básicas do operativo contra incendios forestais como é o de desprazarse a calquera punto de Galiza no que se requira a súa presenza.

Así que en plena época de alto risco, dos 5708 efectivos previstos, perto da metade, arredor duns 2500 aínda non están operativos e unha boa parte deles (os das brigadas dos concellos e as prazas sen cubrir do PLADIGA) non chegarán a incorporarse.

Con estes vimios o cesto vaise desfondar. E as consecuencias poden ser funestas para o país e para o propio persoal da loita contra os incendios forestais, porque a experiencia, a estabilidade e a coordinación son as bases da loita contra o lume e este goberno non aporta ningunha delas. Prima a improvisación, a continua modificación dos sistemas de contratación e a variedade e inexperiencia do persoal, o que fai imposíbel a coordinación do operativo.

A falta de planificación e de programación é manifesta e o que aínda é peor, ao goberno do PP parece non importarlle que a primavera chuviosa que tivemos, as altas temperaturas destes días, as tormentas secas e o abandono do rural formen unha combinación explosiva, que pode provocar en calquera momento situacións difíceis de atallar.