O venres 12 de xullo tivemos unha nova Mesa Xeral na que os responsábeis políticos da Administración "despacharon" a Relación de Postos de Traballo de Medio Rural e do Mar, unha serie de procesos selectivos, e houbo rogos e preguntas de interese. No referente á RPT de Medio Rural e do Mar tivemos varias xuntanzas coa consellaría e presentamos unha importante cantidade de alegacións escritas. Non vamos entrar polo miudo, tan so unhas ideas globais:

  • Hai un excesivo número de amortizacións (máis de 150 postos de traballo). Non aceptamos a xustificación de que están obrigados polo artigo 25 da Lei de orzamentos, pois o PP pode mudar a norma que obriga ás amortizacións. Por moito que diga a Lei, eles son os responsábeis da súa concreción e eles poden mudar as normas.
  • Ao tempo que amortizan ese enorme número de postos de traballo, crean outros 75, todos eles por mor de sentenzas xudiciais. Se o ordena a xustiza nada podemos dicir máis que exixir responsabilidades ás persoas causantes de que cheguen as sentenzas, e tomar medidas para que non se repitan. Como sempre, boas palabras que non serven para nada.
  • Con esta nova RPT a consellaría vai ter inda máis persoas en libre designación.
  • Recalifican unha serie de postos que pasan a ser de cobertura mediante "concurso específico". É certo que esta figura xa estaba permitida dende o ano 1991, pero nunca se aplicou, non existían postos con esta características. A CIG rexeita esta forma de provisión.

O martes 16, teremos a Comisión de Persoal, onde definitivamente se aprobe esta RPT.