O xoves, 1 de agosto, Presidencia colocaba un cartaz na entrada de Facenda para anunciar que o dito acceso permanecería pechado entre o 5 e o 31 de agosto. Esta entrada é usada maioritariamente para o acceso das traballadoras e traballadores públicos e para a comunicación do persoal da consellaría de Facenda coa ATRIGA.

Foron varias as traballadoras e traballadores que se queixaron por esta medida que é o primeiro ano que se toma. Desde a Xunta de Persoal non se tiña coñecemento desta decisión e púxose en contacto coa Secretaría Xeral da Presidencia e mesmo coa Secretaría Xeral de Facenda. Esta última aseguraba non ter coñecemento da medida e que unha vez preguntado lle dixeron que era por cuestións de "seguridade".

Desde a Xunta de Persoal, e conxuntamente co Comité de Empresa, criticamos nun primeiro momento a falta de comunicación cos órganos de representación ao implementar unha medida de servizos comúns que afecta non só ao acceso dos traballadores e traballadoras senón tamén ao normal desenvolvemento das súas tarefas. Por outro lado, o complexo administrativo de San Caetano ten o suficiente movemento e tamaño, aínda en agosto, para xustificar a apertura desta porta. De feito, na contrata do servizo de seguridade non se especifica nada de pehcar ningún acceso dos Servizos Centrais da Xunta nese mes, polo que se sobreentende que o dito servizo debe seguir sendo prestado con normalidade pola empresa.

Sen maiores explicacións, a persoa representante da Secretaría Xeral nos asegurou que cambiaron o criterio e que agora só se pecha o acceso de vehículos e que o de peóns seguiría aberto todo o mes no horario habitual. Cómpre destacar que anteriormente a Xunta de Persoal xa lle reclamara á Secretaría Xeral de Presidencia a ampliación do horario da apertura da dita porta no horario de inverno para facilitar a implantación flexibilidade horaria.

Por outra banda, insistimos que na medida en que se adopten cuestións novidosas respecto ao funcionamento dos servizos xerais dos edificios administrativos de Servizos Centrais se consulte e, canto menos, comunique aos órganos de representación das traballadoras e traballadores públicos.