A Dirección Xeral da Función Pública achegounos a súa interpretación do permiso de lactación regulado do artigo 48.1.f) da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Emprgado Público e o artigo 76.1.e) do Decreto lexislativo 1/2008 do 13 de marzo polo que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública de Galiza, unha vez que realizaron consulta ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e emitido informe pola Comisión Superior de Persoal:

1º.- O permiso de lactación pode ser exercido indistintamente polo funcionario ou pola funcionaria, con independencia de que o outro proxenitor traballe ou non. Non obstante, só poderá ser exercido por un dos proxenitores no caso de que ambos traballen.

2º.- O permiso de lactación é único para cada fillo/a e só un dos proxenitores pode desfrutar da totalidade do permiso, sen que caiba o seu desfrute simultáneo ou compartido.

3o.- O permiso de lactación é un tempo de coidado destinado á alimentación e ao coidado do menor que se poderá desfrutar unicamente a partir da finalización do permiso por parto, ou unha vez que, desde o nacemento do menor, transcorrera un tempo equivalente ao que comprende o permiso por parto.

4º.- O permiso de lactación poderá desfrutarse nos termos e coa duración máxima prevista no artigo 76.1.e) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, ben como unha redución diaria da xornada, ben como un permiso que acumule en xornadas completas o tempo correspondente (4 semanas ininterrompidas) ou ben acollerse a cento cincuenta horas como crédito horario, e con independencia de que sexa desfrutado polo funcionario ou pola funcionaria, podéndose aproveitar, nos dous últimos casos, en calquera momento, despois do desfrute do permiso por parto, e ata que a filla ou fillo acade os doce meses.

5º.- O persoal funcionario interino tamén poderá desfrutar deste permiso nas mesmas condicións que o persoal funcionario de carreira sempre que o seu nomeamento se prevexa
que se vaia estender no tempo ata os doce meses do fillo. No caso de non cumprirse esta circunstancia poderá acollerse a este permiso soamente na modalidade prevista no apartado 1 do artigo 76.1.e) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.