A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa organízanse e preparan asembleas ante as últimas declaracións públicas de Feijóo, asegurando que ía manter a presión sobre as empregadas e empregados públicos da Xunta, unha presión superior que están soportando as súas compañeiras e compañeiros da Administración Xeral do Estado. Veñen de emitir un comunicado co obxecto fomentar a participación e mobilizar ao colectivo.

Na rolda de prensa tralo Consello da Xunta da semana pasada Feijóo daba por seguro un novo recorte nas nóminas das empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza. Trátase de quitar o complemento específico (ou cantidade equivalente para o persoal laboral) nas pagas extras. Esta medida xa se está aplicando o presente ano e supuxo unha baixada salarial media dun 4% ao que habería que sumar a perda salarial pola suba do IPC.

As empregadas e empregados públicos reaccionaron ante este novo anuncio e demandaron unha resposta dos seus órganos de representación. Estes últimos, nun comunicado, entenden que o primeiro é preguntar ás traballadoras e traballadores públicos xa que “o éxito de calquera acción ten que vir da unión e da participación da maioría do colectivo”.

AGRAVIOS COMPARATIVOS

A Xunta de persoal e Comité de empresa poñen o acento sobre que o cambio de tendencia económica e obxectivos de déficit dos que presume Feijóo non están tendo reflexo na relaxación da presión sobre as traballadoras e traballadoras públicas. Pola contra, mentres recortan en emprego público, vía salarial pero tamén amortizando prazas, denuncian que “seguen traendo xente de fóra, con bos soldos, e privatizándoo os servizos públicos que a cidadanía paga máis caros”.

Por outra banda, tamén fan unha dura crítica ao funcionamento da Función Pública e aseguran que este departamento “non é capaz de facer real os nosos dereitos non económicos: concursos, procesos selectivos, flexibilidade... todo fica parado ou ralentizado”. Tamén destacan o agravio comparativo coas empregadas e empregados públicos estatais que non sofren este recorte non complemento específico senón conxelación e para os que “a Función Pública si funciona”.


“AÍNDA ESTAMOS A TEMPO”

Os órganos de representación convocantes advirten que aínda non hai anterproxecto de Orzamentos enriba da mesa e que dentro do propio PP acolleron con preocupación as palabras de Feijóo xa que “teñen medo que o cabreo organizado das empregadas e empregados públicas desgasten aínda máis a súa malograda imaxe de cara as vindeiras eleccións europeas e locais”.


“NON CALES”

Por último, desde a Xunta de Persoal e Comité de Empresa fan alusión á chamada “maioría silenciosa”. Insisten que as persoas que sofren os recortes son maioría, unha maioría silenciosa que no caso das empregadas e empregados públicos “calou moito, demasiado quizais, pero que nunca outorgou”, aseguran.