Función Pública abriu un prazo extraordinario de enmenda da solicitudes ao marxe das bases da convocatoria para a xente que ten obriga de participar no concurso [sic].

Nun exercicio de transparencia sen igual, Función Pública decidiu remitir unha notificación individual a todos aqueles participantes no concurso de traslados que tiñan a obriga de participar e solicitar todas as prazas da súa localidade, ben de destino actual ou anterior, e que están actualmente na situación de adscrición provisional ou a dispor derivada dun reingreso na Administración, cesados dunha Libre Designación ou por supresión do posto de traballo, tal e como indica a Lei de Función Pública de Galiza.

O total de persoas que recibiron esta notificación foron 90, dun número aproximado de 600 que están na situación antes indicada, coa obriga de concursar e con esas  determinadas condicións. As consecuencias de non facelo, tal e como obriga a normativa actual, son gravísimas, xa que supón quedar en excedencia voluntaria por interese particular, o que supón ir dous anos como mínimo á rúa. Nunha época de amortizacións e desmantelamento dos Servizos Públicos, como a que estamos a vivir actualmente, pode supor a práctica condena a perder a condición de funcionario de xeito indefinido.

A CIG non pide de ningún xeito que se produza esta situación, aínda que temos que lembrar que esta modificación da Lei da Función Pública que dá lugar a estas situacións foi aprobada polo polo Parlamento a instancia do PP. Non entanto, pedimos que se teña en conta e se fagan valer tamén os dereitos de todas e todos aqueles que se poidan considerar afectados por esta situación, o resto de solicitantes que pode ver condicionada a praza que obteñan na resolución do concurso por esta actuación unilateral e non publicada por parte da Dirección Xeral da Función Pública. Hai que valorar todas as situacións individuais e pensar nas consecuencias que poden ter.

Dende Función Pública se nos comenta que non era a intención causar ningún balbordo pero o caso é que se montou. Dende a CIG se lles pediu que se fixese pública esta situación, xa que todas as fases do concurso así o son, ademais da concorrencia competitiva que implica que así se ten que facer, en aras de que non se xudicialice nin se paralice este concurso. Non o van facer.

Asegura Función Pública que o persoal que recibiu a notificación non poderá variar de ningún xeito a súa solicitude inicial. Tamén temos que informar que sobre 12 ou 13 persoas recibiron esta mesma notificación, ao estar na mesma situación, no concurso de corpos especiais.

Dende a CIG, por último, informamos que os nosos servizos xurídicos están a estudar esta actuación por parte de Función Pública, así como as posibles consecuencias que esta pode conlevar. Así mesmo, estes mesmos servizos están a dispor de todos os nosos afiliados para que fagan a consulta que estimen necesaria no caso de que se vexan afectados por esta actuación.