Das primeiras dúas asembleas realizadas nos Servizos Centrais o xoves, 26 de setembro, decidiuse realizar unha concentración "exprés" o venres, 27 de setembro, na explanada da cafetaría de San Caetano.

Unha vella reivindicación do pasado entre as traballadoras e traballadores das Administracións volve a poñerse de actualidade estes días nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza. A concentración tan rápida vén motivada pola data sinalada xa que ademais de ser o Consello de Ministros onde se levará o anteproxecto de Lei dos Orzamentos do Estado (no que se confirma que ao persoal do Estado non lle recortan as pagas extras) aquí haberá Consello da Xunta e as asembleas consideran que hai que presionar para pedir un trato similar "cando aínda se está a tempo"

 

Nas ditas asembleas houbo máis acordos dos que se dará conta cun pouco máis de tempo.

Destacar tamén que independentemente da cuestión económica, detrás de todo esto as traballadoras e traballadores públicos asistentes ás asembleas ven un ataque aos Servizos Públicos. Detrás dos médicos, profesoras e profesores e outros colectivos máis queridos está o persoal de Administración Xeral... todas e todos nós facemos funcións útiles para a sociedade, menos visibles moitas veces, pero que moven outras mareas como a branca ou a verde: as persoas que traballamos para que os nenos teñan buses, centros escolares, comedores, garderías para que os centros médicos teñan camas e medicamentos, os que inspeccionamos os alimentos que nos levamos á boca, as que xestionamos axudas ao noso malogrado I+D, as que xestionamos as axudas ou atendemos ás persoas máis sensibles (dependencia, maiores, exclusión social...), as que están detrás de procesos selectivos, as que pagan as nóminas, as que vixian as nosas costas ou os nosos montes, os que conseguen os ingresos para que funcione todo, etc., etc., etc.

Agredirnos a nós é agredir o noso traballo e a nosa función de servizo á cidadanía, ou a caso o noso recorte redunda en que non haxa repagos na Sanidade, manteñan o número dos efectivos, non suban o prezo dos comedores, garderías, etc.? Non, recorte de traballadores e traballadoras públicas e servizos públicos máis caros, de menos calidade e con menos efectivos.