Nestes últimos días están sendo publicados no DOG os convenios do segundo cuadrimestre deste ano de diferentes departamentos e organismos da Xunta. Destacan, por exemplo, os da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou os da Secretaría Xeral de Medios. Para máis INRI, a EGAP remata a xogada convocando, precisamente, un curso de publicidade institucional aberto directivos e axentes de publicidade, directivos de medios de comunicación, representantes de axencias e medios.

Xa levamos denunciando de xeito reiterado o mantemento deste tipo de gastos mentres se recortan e privatizan os servizos públicos. Consideramos necesario que a cidadanía coñeza este tipo de gasto por parte dun goberno que recorta no público “porque non hai diñeiro”; outra cousa é que tampouco se preocupe demasiado en buscalo alí onde está: entre as grandes contas que evaden impostos ou teñen unha presión fiscal inferior ao resto da UE, por exemplo.

Consellaría de Presidencia

Podía alguén pensar que estes convenios (e o gasto en xeral da publicidade institucional) teñen unha dobre intencionalidade: a de mercar a liña editorial ou ben crear unha realidade orwelliana no noso país e que pareza que se está prestando un servizo público. Para isto, os gabinetes e aseosres encárganse de  buscar os nomes máis orixinais para estes convenios, coma no caso da Consellaría de Presidencia: "para a elaboración e difusión de actuacións de difusión e potenciación da sede electrónica da Xunta de Galicia"... elaboración e difusión de actuacións de difusión...!? Non vos lembra isto ao Camarote dos irmáns Marx e a "parte contratante da primeira parte"?? En total, son máis de 200.000€ para 7 convenios con varias editoriais galegas e isto non é unha broma.

Ora pro nobis

Nestes convenios hai outro grupo que chama a atención: os destinados a grupos ou asociacións relixiosas satélites na órbita da Igrexa Católica  (Asociación Comisión Católica Española de Migración (ACCEM), Hermanas Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, Caritas de Ourense, de Lugo, de Compostela....). O tema xa non é a finalidade, moitas veces social, o tema é que os servizos socias deben estar cubertos polas Administracións (deben ser públicos) non deben ser cubertos a modo de beneficencia por entidades relixiosas...

Secretaría Xeral de Medios

Por outra banda, non é esta toda a cantidade de diñeiro para a prensa: son moitos os convenios, varias as consellarías e moitas as campañas de publicidade insitucional. Non hai que deixar de lado que na Xunta existe unha Secretaría Xeral de Medios con axudas e convenios específicos. Sen ir máis lonxe, tamén neste mes de setembro, este departamento da Xunta anunciaba os seguintes convenios por un valor total de máis de medio millón de euros.

Chama a atención a súa finalidade  “para o fomento da lectura entre o alumnado dos centros públicos” tanto das versións dixitais como escritas da prensa escrita galega. Máis capacidade imaxinativa para destinar cartos a quen quero destinarllos aparentando unha finalidade de "servizos público". Non se coñece máis destes convenios, nin do contido nin dos criterios de repartición.

Falta de transparencia e falsa austeridade

Dos convenios asinados polas Administracións públicas sempre denunciamos a súa falta total de transparencia pero neste caso denunciamos a alteración do que é a función dos medios de comunicación de informar e sobre todo, a falsa austeridade que supoñen estes gastos na situación actual. É incomprensible que o goberno galego teña a cara de recoñecer que cunha man executará o copago farmaceutico hospitalario aos enfermos de cancro, por exemplo, e coa outra sega metendo cartos no peto das diferentes editoriais galegas "de toda a vida". Trátase dunha cuestión política, dunha cuestión de prioridade no gasto e é a nosa obriga coma traballadoras e traballadores público informar a cidadanía desta circunstancia.