Presentarán publicamente as mobilizacións previstas comezando durante o acto de presentación dunha carta dirixida ao Presidente na Xunta e máis aos grupos parlamentarios, ante o silencio sobre este tema.

Deixárono claro na concentración do pasado venres: “non somos traballadoras e traballadores públicos de segunda”. Con este lema  protestaban contra o agravio comparativo de albiscar, por segundo ano consecutivo, o recorte nas pagas extras ante as afirmacións de Feijóo tralo Consello da Xunta do 19 de setembro.

Na Administración Xeral do Estado, o Consello de Ministros xa confirmou que as traballadoras e traballadores públicos desta Administración terían conxelación pero non se lle tocaría ás pagas extras polo que as cobraría no 2014 de novo completas.

Isto provocou a indignación das traballadoras e traballadores públicos da Xunta de Galiza que expresaron na concentración do pasado venres. Destacan que non resulta comprensible que “coa solvencia económica” da que presume Feijóo sexan as únicas traballadoras e traballadores públicos que non van cobrar as pagas extras completas.

A Xunta de Persoal e Comité de Empresa  realizaron ata tres asembleas nos diferentes centros dos Servizos Centrais da Xunta. Tras estas asembleas, decidiuse unha serie de mobilizacións combinadas coas da Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos. Entre estas asembleas , e co obxecto de forzar un pronunciamento do Presidente da Xunta, concentráronse o pasado venres. Porén, Feijóo non volveu facer referencia a este espiñento tema do que parte do PPdG lle preocupa que contribúa a danar aínda máis a súa imaxe de cara aos vindeiros comicios europeos.

Dado o silencio da Presidencia, e conxuntamente co resto de medidas, a Xunta de Persoal  e Comité de Empresa decidiron interpelar directamente ao Presidente da Xunta a través dunha carta. Do mesmo xeito, tamén rexistraran escritos dirixidos a todos os grupos parlamentares  para solicitar o seu apoio a unha demanda que entenden xusta: a de cobrar as pagas extras completas como o resto de traballadoras e traballadores públicos.

Convocan aos medios de comunicación para a presentación pública da interpelación nos seguintes lugares e horas nos que tamén se presentará o resto de acordos tomados nas asembleas organizadas a semana pasada:

Mércores, 2 de outubro de 2013

11:00h – Rexistro Xeral da Xunta de Galicia – San Caetano (Compostela) – Presentación da carta dirixida ao Presidente da Xunta

12:00 h – Rexistro do Parlamento de Galicia – Rúa do Horreo (Compostela) - Presentación dos escritos dirixidos aos grupos parlamentares