Na Mesa Xeral de Negociación do luns 7 de outubro tratouse, entre outros, a Orde de flexibilización, horario e teletraballo. Dende a CIG reprobamos a utilización política desta cuestión por parte do Presidente da Xunta. Un borrador que se está a negociar e que ata que non pase pola Mesa Xeral e pola Comisión de Persoal non debe aprobarse polo Consello de Goberno da Xunta, se trata no mesmo para ter unha arma que utilizar contra os recortes.

Para tratar de frear as mobilizacións e atallar o malestar cada vez maior polos recortes o Partido Popular non ten outra ocorrencia que ampararse nunha orde que só vai traer beneficios aos "funcionarios". E para iso tratan de facerlle ver á cidadanía que os funcionarios "van poder traballar dende casa". O teletraballo, que vai destinado a corpos e escalas moi concretas e que non afectará a máis de 500 efectivos potenciais se vende como unha mellora para os empregados públicos destinada a poñernos ao pé dos cabalos ante a cidadanía.

Ao mesmo tempo, é vergoñento que se traia a unha mesa de negociación un borrador que xa se dá no Consello da Xunta como definitivo e que apenas vai sufrir modificacións.

Persisten en que a flexibilidade non teña carácter automático, en que o tempo de cortesía é abondo (cando noutras Administracións é substancialmente maior), en que o horario de presenza obrigatoria sexa de 9:00 a 14:30, e que o horario de inicio comece ás 7:30 e non ás 7:00 (alegan que o contrato de seguridade privada dos edificios administrativos fai imposible que se poida comezar a traballar antes desa hora).

É certo que houbo cambios e unha negociación onde se foi avanzando, pero certamente non se da chegado a un modelo que cumpra as nosas expectativas.