Desde a Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos estase levando a cabo unha campaña de recollida de sinaturas en defensa dos servizos públicos e dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos. Nalgúns centros se porán mesas en días concretos; podes colaborar tamén descargando a folla e recollendo sinaturas no teu centro e achegándoas a calquera central sindical. As ditas sinaturas co manifesto dirixiranse ao  Presidente da Xunta e ao grupo parlamentario do PP que ten responsabilidades de Goberno.

As empregadas e os empregados públicos que dependemos da Xunta de Galicia manifestamos que estamos en contra de todas ás políticas continuistas que dende o ano 2009 manteñen tanto o Goberno Central, como o Goberno da Xunta de Galicia no sector dos Servizos Públicos, que o único que provocan é a desaparición dos mesmos, agravando aínda máis a profunda crise económica na que nos atopamos inmersos, precarizando as condicións laborais dos seus traballadores/as e provocando máis paro no sector público e aumentando a carga de traballo coa non reposición de profesionais co único fín de eliminar o sector público  facendo desaparecer servizos públicos.

DECIMOS NON:á taxa cero de reposición, á conxelación salarial e ao recorte das nosas pagas extras. Non a privatización dos servizos públicos. Non ao aumento da xornada laboral. Non aos descontos por baixas médicas. Non a destrucción de emprego público e a desaparición de Servizos Públicos.

É por iso , que as empregadas e empregados públicos, SOLICITAMOS e DECIMOS SI:

  • Si ao fomento de emprego público estable e de calidade.
  • Si á recuperación do poder adquisitivo perdido
  • Si á recuperación integra das pagas extras
  • Si á recuperación de todos os dereitos laborais
  • SI Á DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

É responsabilidade da Administración a salvagarda dos Servizos Públicos e dos seus traballadores e traballadoras. Esa responsabilidade tamén a ten o grupo parlamentar do PP no Parlamento Galego e Parlamento Español, como responsable último da aprobación de todas estas medidas.

Polo tanto, nese sentido, faise esta recollida de sinaturas para facerlle chegar as persoas responsabeis administrativas e  políticas, o malestar das empregadas e dos empregados públicos que dependen da Xunta de Galicia , e as súas xustas reivindicacións.