Na Comisión de Persoal do venres 11 de outubro foi aprobado o proxecto de Orde conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regula a xornada e horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo no ámbito do Sector Público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A pesar de que existiu unha negociación real e de que se produciron avances sobre a proposta achegada inicialmente pola Administración, a CIG abstívose na aprobación da norma, considerando que o texto definitivo da Orde de flexibilidade e teletraballo continúa a presentar importantes eivas: destaca especialmente a negativa da Administración a introducir unha modalidade de flexibilidade horaria cuxa autorización individual non estiver condicionada ás necesidades do servizo. 

Neste sentido, a partir da entrada en vigor da norma, os traballadores daqueles centros da Xunta que gocen do sistema de control horario Kronos poderán solicitar autorización para pasar a traballar en rexime de flexibilidade horaria, podendo ser denegadas as solicitudes de flexibilidade por necesidades do servizo. A Orde, por outro lado, non concreta que tipo de necesidades do servizo serían tidas en conta para estes efectos, nin tampouco establece uns criterios de prelación para o caso de solicitudes concorrentes por parte de traballadores dunha mesma unidade na que a Administración considere que as necesidades do servizo impiden que se lles autorice a todos. Consideramos que isto poderá dar lugar a problemas de aplicación, ao se producir unha ampla marxe para a discrecionalidade.

Outro aspecto no que non se avanzou foi no magro marxe de cortesía para fichar á entrada e á saída (10 minutos ao día). Dado que o sistema está concebido para que o traballador fiche no propio ordenador, co conseguinte tempo de arranque do sistema e carga dos programas, esta marxe de cortesía amósase insuficiente, tendo en conta ademais que non se contempla o tempo que a cada traballador lle poida levar chegar ao seu posto de traballo dentro do centro. O traballador que teña o seu posto p. ex. nun 9º andar e teña que tomar o ascensor vaise ver prexudicado en comparación con quen traballe nun andar baixo, xa que o tempo de cortesía é o mesmo. Isto significa que, con este sistema de control, unha parte do persoal lle regala tempo de traballo á Administración. 

A CIG-Autonómica, defendendo a implantación da flexibilidade horaria desde hai anos, está en desacordo, en resumo, con que o resultado desta Orde sexa unha configuración discrecional da flexibilidade que pode dar lugar a unha aplicación clientelar. Tampouco podemos aceptar un marxe de cortesía insuficiente que fai correr por conta do traballador o tempo que lle leve chegar desde a entrada do centro até o seu posto e agardar que o ordenador arranque.

Por outro lado, e á marxe das carencias da Orde, a CIG non pode senón rexeitar o descarado uso político que os máximos responsables do Goberno galego fixeron da súa presentación, facéndoa coincidir co anuncio do novo recorte das pagas extras de xuño e decembro de 2014. No mesmo momento no que se confirma a intención de expropiar de novo os salarios dos traballadores do sector público galego para continuar a tapar os furados dos rescates das entidades financeiras privadas, o Goberno do PP e os medios privados sostidos en boa parte con fondos públicos se dedican a denigrar a dignidade e a imaxe pública dos empregados públicos, distorsionando a dimensión real do teletraballo entre o persoal, presentando a xornada de verán ou a flexibilidade horaria como "privilexios" dos empregados públicos e, en definitiva, convertir esta Orde nunha moeda de cambio mediática contrapoñéndoa ao recorte das pagas extras, tratando descaradamente de colocar á opinión pública en contra dos traballadores e traballadoras dos servizos públicos galegos.  

Descargar a Orde de flexibilidade horaria e teletraballo aprobada na Comisión de Persoal o 11/10/2013