Para tramitar as bolsas de estudos contratan traballadores a través de Infojobs e outros parados que seguen cobrando o desemprego.

Nas unidades de bolsas de estudos das xefaturas territoriais da Consellaría de Educación,  todos os anos se contratan a persoas pagadas polo Ministerio de Educación para que durante un período de entre 3 e 6 meses, tramiten as axudas de libros e bolsas de estudos.

Tradicionalmente se ven facendo a través do INEM, aínda que o lóxico sería que se fixese a través do sistema de listas de substitución propio da Xunta de Galiza, ou ben por acúmulo de tarefas ou por calquera outra modalidade, aínda que as retribucións corran a cargo do Estado.

Dende o ano pasado vense recorrendo a outra fórmula. En vez de ter un contrato de traballo se recurre á fórmula da “colaboración social”, consistente en que o parado segue cobrando o paro ou o subsidio, e esgotándoo, e se lle complementa a parte que lle falta ata o salario, co cal o Ministerio aforra unha parte substanciosa que paga o INEM.

Hai casos, como no da Xefatura Territorial de Pontevedra onde os colaboradores sociais traballan no mesmo horario que os/as empregados/as públicos/as por 200 euros.

Pero este ano van máis aló e recurren a unha empresa de intermediación, INFOJOBS, para que seleccione a este persoal e despois os contratan a través de TRAGSEGA, unha filial da empresa pública de transformación agraria TRAGSA, como é o caso das persoas contratadas en Lugo.

Que unha Administración recurra a prácticas negreiras non nos sorprende xa a estas alturas, pero iso non significa que debamos tolerar que se implanten este tipo de prácticas, que aínda que legais, atentan contra a dignidade das persoas, contra os dereitos laborais, contra a imparcialidade da Administración, e nos retrotraen ao século XIX.