A Dirección Xeral de Comercio estivo sen directora desde que cesou Nava Castro pouco antes das eleccións galegas do ano pasado. Non foi ata o Consello da Xunta do 17/01/2013 cando a antiga subdirectora, Sol Vázquez, foi nomeada como directora deixando o posto de subdirección vacante desde entón.

Desde mediados deste mes e trala resolución dunha comisión de servizos con ata 10/10/2013, segundo datos de Función Pública,  este posto foi cuberto de xeito temporal a espera da convocatoria pública da libre designación. Neste caso, cando menos a consellaría recorre a persoal da propia Administración e non traen xente de fóra para postos de Administración Xeral, incrementando o gasto, como é tan habitual en Educación ou Sanidade.

A Dirección Xeral de Comercio é unha pequena unidade da pequena consellaría de Economía e Industria; pequena con relación ao que gasta a Xunta en xuros da débeda (que non é pouco) pero non tan pequena tendo en conta os 600.000€ que se gasta en convenios coa prensa para difundir “contidos de interese para a sociedade galega sobre actuacións relacionadas co ámbito competencial da consellería”. Na dita unidade hai consignados 17 postos na Relación de Postos de Traballo, dos cales 4 son de libre designación. Actualmente, segundo datos do directorio telefónico da Xunta, están 16 ocupados; un deles, recentemente, tras 10 meses vacante: o posto de subdirección.

A actual Lei de Orzamentos, no seu artigo 25, especifica que todo posto vacante deberá ser amortizado, argumento proposto pola  Xunta e aprobado polo Parlamento como base legal para amortizar centos de postos por concurso nas diferentes rpts. A Xunta defende que os posto de subdirección e xefaturas de servizo, de libre designación, son postos estruturais e por tanto non lles aplica este mandato.

Porén, a pesar de ser estruturais, casos como este demostran que moitos dos postos de libre designación non son absolutamente necesarios. De feito, a Xunta ten unha estrutura mastodóntica cunha relación de postos de subdirección e xefaturas de servizo desproporcionadas para o número de traballadoras e traballadores públicos que deles dependen. No caso que nos ocupa hai 1 subdirección e 2 servizos para coordinar a 13 persoas (a outra dependería directamente da directora xeral); todo un despropósito vendo os ratios que manexan noutras Administracións.

O que está facendo a Xunta é aplicar a “racionalización” onde non se precisa, facendo que despois o traballo de base teña que ser realizado por asistencias técnicas ou mesmo bolseiros. A necesidade de postos de traballo queda patente a través da denuncia que facíamos en xullo da convocatoria de 4 bolsas da Dirección Xeral de Comercio, outro ano máis. E tamén outro ano máis seguirá 1 asistencia técnica que cobra dunha fundación pero fai traballo de traballadora pública, coma no caso dos bolseiros que pasaron por Comercio e os que pretenden que sigan pasando.

Coma no caso dos recortes en xeral, vemos que o de apertarse o cinto non é igual para todo o mundo: precisamente faise máis presión sobre as persoas que menos teñen e menos sobre as que máis poden achegar. No caso da Xunta, e estruturalmente falando, o recorte vai sempre por abaixo cun obxecto ben claro: alí onde fai falta un traballador público, a Xunta  non o pon na RPT, senón que contrato unha empresa, fai un convenio cunha fundación ou saca unha convocatoria de bolseir@s. Porén, os postos de libre designación non se recortan pois están sendo usados en boa medida como pagamento de favores. Senón, non se explica que cantidade de compañeiras e compañeiros con anos de experiencia segan “ao dispor” ou en “adscrición provisional” mentres persoas recén chegadas ocupan postos que deberan ser de responsabilidade.