E permite que persoal directivo procedente da empresa privada ocupe postos de funcionario no Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero.

Nunha xuntanza, de apenas media hora, celebrada hoxe entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais a Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (en adiante VPCPAPX) a Xunta confirma a eliminación de 106 postos de traballo despois de engadir 3 postos máis á xa de por si enorme cifra de amortizacións.

Segundo as nosas contas 35 destes postos de traballo están ocupados moitos por funcionarios de carreira e outros mediante persoal interino que serán cesados nos seus postos e pasarán a engrosas as enormes cifras de desemprego do noso país.

Para darse conta da magnitude da desfeita indicamos que esta é unha das consellaría de tamaño medio das que ten a xunta e, na que se vai eliminar case o 7,5% da plantilla da que dispoñía a Consellaría.

O tema resulta máis grave se o comparamos coas cifras que nos da a Xunta no proxecto de lei de orzamentos para o ano 2014. A Xunta destinará nesta consellaría 2.404.795 euros a persoal de alta dirección entre os que están 710.728 euros para persoal de gabinete e 878.179 euros para altos cargos e delegados. E todo isto sen contar os innumerábeis postos de libre designacións co que o goberno do PP infesta a administración galega o que fai que sexa unha das administracións máis politizadas do planeta.

Abondando nesto, dende a CIG-Autonómica encontramos, nesta RPT, un caso paradigmático de como actúa a Xunta. A Vicepresidencia vai crear o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero e, a coordinación deste vai recaer en ‘persoal directivo’ isto é, unha sorte de liberado do partido, para que dirixa un centro que vai ter a soamente 6 persoas na súa plantilla e que non estará sometida aos controis salariais e de responsabilidade do resto de empregadas/os públicos. Dende a nosa organización esiximos a cobertura dun posto de tal responsabilidade mediante un empregado público que obteña o posto por un concurso de méritos e non a dedo. E menos, que unha persoa procedente dalgunha entidade relixiosa ou privada ocupe un posto de funcionario. Coidamos que, dadas as tarefas encomendadas a dito centro,  é o menos que podemos pedir.

Dende a CIG-Autonómica esixímoslle á Xunta que retire esta indecente proposta e que proceda a manter os postos de traballo para non agravar a crise e as cifras de desemprego.