Pasada unha semana da xuntanza que tivemos con responsábeis de sanidade pola relación de postos de traballo da consellería e do SERGAS, seguimos sen ter novidades da nosa demanda de negociación respecto de todo o referido ao persoal funcionario das escalas sanitarias da Lei 17/1998.

Nesa xuntanza tratamos todo o referente ao conxunto da RPT, pero xa que a consellería non nos ofrece moitas ocasións de falar, forzamos unha longa discusión non prevista polos responsábeis da administración arredor das escalas sanitarias e que rematou cun compromiso da subdirectora de recursos humanos de elevar as nosas demandas á directora xeral.

As persoas responsabeis de sanidade actúan como se non soubesen que o persoal de escalas sanitarias son persoal funcionario de administración especial, que votan nas eleicións sindicais ás xuntas de persoal funcionario, que nos elixiron como representantes, que o ámbito de negociación de todo o referente a eles é a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, que por ela teñen que pasar as negociacións dos procesos selectivos, concursos de traslados e procesos de integración en estatutarios.

En troques de actuar conforme as súas obrigas, sanidade teima en levar todos eses asuntos á Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Estatutario do SERGAS onde negocian con xente que non son representantes legais dos traballadores e traballadoras afectados e afectadas. A CIG-Autonómica insiste en que non está disposta a aceptar a situación e buscará o xeito de impugnar xudicialmente todo aquelo que saia da Mesa Sectorial de Estatutarios.

Sanidade recoñece finalmente que a negociación debe pasar polos representantes legais polo que da a entender que poderían elevar os asuntos á Mesa Xeral. Pero non abonda, a CIG-Autonómica non acepta esta solución, xa que todo aquelo que chegase á Mesa Xeral xa viría precociñado da mesa sectorial de estatutarios. Exiximos ser os interlocutores dos funcionarios e funcionarias das escalas sanitarias, e por eso demandamos a retirada de todo o referente a este persoal das mesas sectoriais estatutarias e a ser nosoutros chamados ás negociacións previas.

Non aceptamos que teñamos que enterarnos por fora das intencións de convocar concursos de traslados, procesos selectivos, que existen borradores do decreto de integración, que houbo un prazo para presentar alegacións, .. e os representantes legais non teñamos nin sequera voz. Non aceptamos que en determinadas clases das escalas sanitarias leven décadas sen proceso selectivo e agora pretendan liquidar os postos vía integración en estatutarios sen unha previa convocatoria de concurso-oposición. Non aceptamos a inexistencia de concursos de traslados. Así que vamos en serio: temos a representación, e vamos exercela, polas boas ou polas malas.

Volvendo ao que foi a RPT, e respecto ás escalas sanitarias, fixemos estas mencións específicas:

  • Rexeitamos a apertura de postos a persoal estatutario sen ese criterio de reciprocidade.
  • Na vixente RPT da lei 17 prodúcese a situación anómala de que empregados e empregadas coa capacitación profesional axeitada non poden aceder a determinados postos por estar incluidos nunha escala/clase distinta á correspondente para o posto, pero esta limitación non existe para o persoal estatutario cando o posto consta aberto para eles. Demandamos, por tanto, maior permeabilidade entre postos para o persoal das escalas sanitarias, e menor para o persoal estatutario alleo ás escalas.
  • Dun xeito similar, algúns postos de funcionarios/as distintos das escalas sanitarias, poden ser ocupados por funcionarios de administración xeral e estatutarios. Non aceptamos estes últimos se previamente excluen aos funcionarios de administración especial, como son as escalas sanitarias.
  • Os gobernos de España e Galiza teñen intención de que o persoal das escalas sanitarias desapareza das instalacións sanitarias para o que leva anos ofrecendo integracións, antes polas boas, agora chantaxeando. Pois ben, para aquelas persoas que non queren o cambio de réxime xurídico, unha alternativa é ofrecer unha maior permeabilidade nos postos a fin de que poidan sair desas instalacións sanitarias.
  • Nos postos das escalas sanitarias que prestaban servizos en instalacións hospitalarias e que agora mudan para as xerencias, queremos que conste unha observación que especifique máis o centro de traballo.


Para rematar, queremos subliñar a disposición adicional décimo terceira do proxecto de orzamentos para o 2014:

Décimo terceira.- Reestruturación de unidades administrativas da Consellería de Sanidade ou Servizo Galego de Saúde

O persoal funcionario da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma, con destino na Consellería de Sanidade ou no Servizo Galego de Saúde, poderá pasar a prestar servizos en postos de traballo nos distintos departamentos das consellerías da Xunta de Galicia, cando como consecuencia da reestruturación de unidades administrativas da Consellería de Sanidade ou Servizo Galego de Saúde, non haxa postos de traballo vacantes nela e sexa necesaria a súa adscrición noutras consellerías que necesiten cubrir postos de traballo con persoal funcionario da mesma especialización. Este persoal terá dereito a percibir as retribucións correspondentes ao posto de traballo que pase a desempeñar e aos complementos persoais que teña recoñecidos.

Esto supón unha nova preocupación para o persoal de escalas santiaras, tanto os que prestan servizos na consellería de sanidade como no SERGAS. Cales son as unidades que queren  restructurar, cómo afectará esto aos dereitos adquiridos do persoal afectado... Sen dúbida é un cambio profundo da propia Lei 17/1989.

A disposición adicional pode limitarse a buscar unha solución ao persoal funcionario de carreira dos laboratorios que van desmantelar de xeito que puidesen conservar a localidade inda que fose noutras consellarías. Pero esta disposición adiconal xunto co futuro Decreto de integración a persoal estatutario podería poñernos ante a desaparición do persoal funcionario das escalas sanitarias da Lei 17/1998, ben de xeito voluntario ou forzoso. Agardamos á seguinte xuntanza con sanidade para que nos den explicacións, e motiven dito cambio.