Novas por contido

Pechan os laboratorios de saúde pública provinciais e centralízase a actividade nun único laboratorio en Lugo. Haberá un plan de reasignación de efectivos e a Administración asegura non vai supoñer perder postos de traballo.

Informa a Administración que o proceso de reordenación afecta a uns 100 traballadoras e traballadores, nos que hai diferentes situacións: persoal funcionario de carreira e interino da lei 4/88, da lei 17, persoal laboral fixo, temporal, indefinido non fixo da consolidación 1ª e 2ª parte e indefinido non fixos.

A solución que se vai a dar ao peche dos laboratorios para concentrar toda a actividade no laboratorio de Lugo é facer un plan de reasignación de efectivos ao amparo da Lei de Función Pública, un plan de reordenación que significa que non se van perder postos de traballo.

A grandes rasgos esta reordenación do persoal consiste no seguinte:

1. O persoal fixo, sexa funcionario ou laboral, van ter a opción de recolocarse en laboratorios próximos das demais consellarías (CMATI, Medio Rural e Traballo) na mesma localidade ou en localidades próximas ou pasar á situación de estar a disposición do conselleiro/a na mesma localidade.

2. O persoal temporal e indefinido será trasladado ao laboratorio de Lugo.

Vaise manter o mesmo posto de traballo, polo tanto non se van amortiar prazas e crealas de novo senón que se fará unha modificación na RPT onde se cambie a praza de unidade.

O persoal pasará cos mesmos complementos que tiñan xa que o que se traslada non é só a persoa senón tamén a praza.

Resalta a Administración que este proceso é voluntario. Evidentemente o é pero coas consecuencias de que quen non opte por esta saída ou ben se vai á rúa ou ben queda a disposición do conselleiro/a, o que nos indica que estamos ante unha voluntariedade forzosa.

Os laboratorios onde se trasladarían as prazas e persoal de carácter fixo serían o laboratorio de Medio Ambiente da Coruña, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Laboratorio agrario e fitopatolóxico de Galiza, Laboratorio da Estación Vitivinícola e enolóxica de Galiza (Leiro-Ourense), Laboratorio de Medio Ambiente de Pontevedra, Salcedo, Lourizán e o INTECMAR. En total habería ao redor de 20 prazas nestes laboratorios para o persoal fixo.

Queren que isto estea en marcha o 1 de xaneiro de 2014, pero o propio director xeral da Función Pública di “xa sabedes como van os tempos na Administración”. Penosa apreciación.

Dende a CIG criticamos a opción elixida de centralizar todo nun único laboratorio, tendo en conta ademais que algún como o de Pontevedra é recente e nel se fixo unha grande inversión, que o sistema elixido de desplazar as mostras a Lugo, tendo en conta que se vai manter todo o persoal resulta máis caro que manter os actuais laboratorios.

Como é unha decisión política o que demandamos é unha solución ao problema que se crea. O noso argumento fundamental é que se conserven todos os postos de traballo e que non haxa perda de emprego público, así como que se manteñan os dereitos e condicións de traballo preexistentes.

E para iso tamén se nos ten que aclarar unha serie de cuestións sobre como sería o traslado e como se faría a elección do novo destino, en función de que criterios, como se vai determinar a onde pasa cada posto de traballo.

No caso do persoal indefinido xurden as dúbidas de que a Administración poida perder as sentenzas se alguén reclama pola vía xudicial. Aseguran que o persoal afectado non perderá dereitos porque se traslada a praza co que manteñen a antigüidade, o que evidentemente non manteñen é a localidade. Ademais lembrámoslle ao Director Xeral que o proceso de consolidación leva anos de atraso pola súa incapacidade de resolución e que esta circunstancia perxudica gravemente ao persoal que a estas alturas tiña que ter acadado a condición de laboral fixo. Preguntámoslle cando teñen pensado acometelo e a resposta non pode ser máis indefinida: está na axenda da Conselleira para o ano que vén.

Tampouco queda claro o sentido da Disposición Adicional decimoterceira do Proxecto de Lei de Orzamentos que establece a posibilidade de traslado do persoal funcionario da Lei 17 a outras consellarías. A Administración di que é unha demanda do persoal, que se fai para facilitar o traslado do persoal dos laboratorios. Dende a CIG facemos constar que para iso debería acotar a situación ao persoal dos laboratorios e a esta situación concreta. E que si se quere establecer unha mobilidade maior das escalas sanitarias haberá que facer unha modificación legal, pero ao mesmo tempo garantir que esa mobilidade non sexa forzosa e se faga mediante os sistemas de provisión establecidos na lei.

Demandamos que se nos achegue toda a documentación sobre o plan de reasignación, coa previsión dos postos que serán trasladados e a onde e que se abra a negociación canto antes. E indicámoslles que non é mostra de vontade negociadora ter comezado a aplicar o plan de reasignación antes de anunciárnolo porque temos constancia de que algún persoal interino xa foi trasladado do seu posto de traballo.

Outras novas recentes

Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.