Con data 31 de outubro do presente ano publicouse no DOG a resolución do 14 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se fai pública a formalización do contrato do servizo de vixilancia e seguridade dos edificios administrativos da Xunta de Galicia.

Trala formalización deste contrato, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes ven de sufrir un recorte no horario de servizo de control de accesos, que pasa a ser de 07:30 a 15:30 os días laborais, quedando o centro de traballo, deste xeito, pechado polas tardes.

Dende a CIG, vimos de presentar un escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no que denunciamos que os traballadores/as do citado centro que teñen concedida a flexibilización de xornada por motivos familiares recollida no artigo 44 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres, non poden exercer o dito dereito posto que, ao pechar o centro de traballo polas tardes, non poden cumprir o horario de referencia determinado ao efecto.

Asemade, denunciamos tamén que, con este novo recorte, a administración galega está a incumprir o disposto no artigo 41 da citada lei, ao non  garantir o exercizo polo persoal ao seu servizo dos dereitos de conciliación recoñecidos na normativa aplicable.

Diante deste novo recorte aos dereitos dos empregados públicos, solicitamos que dende a Secretaría Xeral Técnica de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, como contratante do citado servizo, se tomen as medidas oportunas e necesarias para solucionar o agravio que se está a producir aos traballadores e traballadoras afectados e a aqueles que nun futuro se quixeran acoller ao antedito dereito.