Segunda reunión da Xunta de Persoal de Servizos Centrais con Función Pública para poñerlle o cascabel ao gato. Desta volta o director xeral acompañouse do subdirector de Relacións Laborais. A Xunta parece ter resposta para todo, outra cousa é que resulte convincente.

Que coñecemos da  resolución dunha comisión de servizo? As convocatorias son públicas a través do web da Xunta; as resolucións e a súa motivación xa é outro cantar. Pasan os anos pero atopamos as mesmas persoas nos mesmos postos. A situación está tan degradada que urxe establecer uns criterios de transparencia e obxectividade.

As tres respostas xustificativas deste abuso foron: está substituíndo unha excedencia por servizos especiais, está pendente de resolución de concurso ou vén doutra Administración. A xustificación máis curiosa corresponde ao último caso, onde Función Pública mantén persoal funcionario doutras Administracións en comisións de servizo en LDs durante anos sen ningunha clase de renovación, convocatoria da comisión ou convocatoria da LD.  A razón é que, senón, cando cesen, este persoal quedaría integrado na Xunta (...) Curioso que xa adianten o que está previsto na nova Lei de Función Pública que aínda é un borrador e non valoren, quizáis, en tirar primeiro dos recursos propios e xa evitaban este problema.

Por outra banda, nos postos pendentes de concurso as comisión renóvanse automáticamente ata que se resolva este (e pasan anos, como ben sabedes); non se volven convocar pasado o ano, a pesar do que di a norma. No caso da substitución de servizos especiais, xa nin sequera hai renovación nin nova convocatoria. E neste punto si que fai o que di a norma, pero non por isto o consideramos correcto.

De estar nunha democracia seria, as resolucións de quen ocupa un posto público, aínda que de xeito temporal, deberan ser públicas. Cómpre recordar que falamos de cartos da cidadanía e neste sentido a transparencia debe ser máxima. As nosas Administracións, xa sen moitas ganas de que se coñeza en profundidade a leña que queiman (senón tan só o fume que venden) soen esgrimir cuestións de protección de datos. Curiosamente cando teñen cámaras apuntando en centros públicos sen indicar a súa presenza, coma no caso do Gaias, non se acordan desas cuestións de protección de datos.

Actualmente as organizacións sindicais presentes nas Mesas Xerais temos acceso a certos datos das resolucións e renovacións destas comisións: data de resolución, nome da persoa, DNI, posto de procedencia e  posto adxudicado. Máis nada, con esta escasa información, nos Servizos Centrais, e a través da Xunta de Persoal, denunciamos casos de flagrante incumprimento da escasa normativa actual, nomeadamente por exceso do tempo regulamentado.

Cremos en boa lóxica que a cobertura temporal dos postos ten que ser temporal e cun límite máximo en todo caso. Despois deste límite a comisión de servizos ten que volver a ser convocada, dando a oportunidade a novas persoas candidatas para o posto como se fai, por exemplo, nas adscricións provisionais do persoal laboral.

Após da limitación temporal para favorecer a libre concorrencia aos postos en comisión de servizos, queremos destacar que a resolución debe ser motivada, como demostraron recentes sentenzas xudiciais e debera ser tamén pública. Neste senso, débese camiñar cara a inclusión nos criterios de adxudicación de elementos obxectivos como pode ser a antigüidade, empregada, tamén, na concesión das adscricións de persoal laboral.

Para iso é necesario que se inicie o proceso negociador pertinente de cara a modificar as actuais instrucións que regulamentan as comisións de servizo do persoal funcionario para facer a súa concesión máis transparente e obxectiva e fomentando a libre concorrencia establecendo un límite temporal taxativo en todos os casos. En calquera caso, entendemos que o que se debera facer é convocar os concursos de traslados canto menos de xeito anual, como indica a actual Lei de Función Pública, co que se evitarían boa parte dos problemas entre o persoal derivada da xestión actual das comisións de servizo.