O pasado 05/07/2013 foi asinado polo comité intercentros e a Dirección Xeral da Función Pública o acordo para a aplicación do réxime de vacacións, permisos e licenzas do persoal funcionario e que, entre outras melloras, recolle o dereito ao incremento dun libre disposición por cada un dos festivos que coincidan en sábado.

Publicado este acordo, a indecencia da Subdirección Xeral de persoal da Consellaría plasmouse coa emisión dunha circular na que lle negaba aos traballadores dos centros dependentes de Traballo o dereito ao 4ª día de asuntos propios en compensación do festivo 12 de outubro que caeu en sábado. Traballo intentou enredar ameazando con retirar un festivo da carteleira a cambio de conceder o 4º libre disposición xa que non podía asumir o custo económico que representaría un día máis de libre disposición.

Vista esta actuación ilexítima de Traballo que nos abocaba á xudicialización en demanda dun dereito que non é discutible, a CIG esixiu a convocatoria da comisión de seguimento do acordo para así normalizar a execución do mesmo.

A Traballo só lle quedaron dúas opcións; ou recuar da súa negativa ou ser vapuledada na comisión de seguimento.

No día de onte, 12 de novembro, Traballo recuou da súa grotesca chulería e recoñece o dereito do persoal ao goce do 4º libre disposición e que poderá trasladar ata o 30 de abril de 2014.