A Xunta ten contratado un seguro colectivo de accidentes para o persoal ao servizo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, dos seus Organismos Autónomos, Axencias autonómicas e Entes públicos. Como pasa na maioría de seguros colectivos, hai un enorme descoñecemento da súa existencia e este queda sen cobrar polas persoas beneficiarias.

A poliza cubre falecemento, incapacidade permanente total, incapacidade permanente absoluta, gran invalidez ou invalidez parcial, todas esas continxencias derivadas de accidente sufrido durante as 24 horas do día pola persoa asegurada e en calquera parte do mundo. Cómpre destacar que o infarto está asimilado a accidente segundo a poliza. A grande limitación é hai que solicitalo antes de 10 días desde o accidente ou falecemento.

A persoa beneficiaria en caso de incapacidade é a traballadora ou traballador pero no caso de falecemento pódese establecer unha orde de prelación que por defecto é a seguinte:

  • Cónxuxe non separado legalmente ou parella de feito legalmente rexistrada
  • Fillos por partes iguais
  • Pais por partes iguais
  • Irmáns por partes iguais
  • Herdeiros legais

O capital asegurado é de 44.000€ pero pódese incrementar pagando unha pequena prima a título individual. A póliza base contratada pola Xunta tamén inclúe: Gastos de adquisición de cadeira de rodas (ata 2.500 €), Gastos de adaptación vivenda habitual (ata 12.000 €) e Gastos de adaptación de vehículo (ata 2.500 €)

A unidade encargada da tramitación da póliza é o Servizo de Xestión de Riscos e Seguros da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellaría de Facenda. A póliza actual está en vigor ata o 30/06/2014, aínda que soe renovarse cada 2 anos. Porén, tanto o cambio na prelación de persoas beneficiarias, como a ampliación de capital podedes xestionalo en WILLIS IBERIA (ruben.santos@willis.com).