Os responsábeis políticos da consellaría de Sanidade e SERGAS queren diversificar as solucións ao problema de reordenación do persoal dos laboratorios de saúde pública que pechan en Coruña, Ourense e Pontevedra para centralizalos en Lugo.

Son tres as vías que están a seguir: ao persoal temporal (laboral e funcionario) móveno a Lugo; ao persoal fixo (tamén laboral e funcionario) ofrécenlle un ou dous postos (depende o caso) para recolocalo; e a oito persoas (tres funcionarios e cinco laborais) directamente lle moven o posto na RPT que está nestes intres enriba da mesa.

Resulta que descubrimos que unha das persoas da última solución é parella dun ex-delegado provincial de sanidade en Pontevedra dos tempos de Fraga, o que sen afirmar que nos oito casos exista tamén algún tipo de vínculo, de entrada fainos saltar as alertas e por tanto reafirmarnos no que xa reclamamos aos responsábeis de recursos humanos de sanidade na xuntanza do xoves 14 de novembro, de que:

- Retirasen da proposta de modificación da RPT a todos os postos afectados pola reordenación dos laboratorios.

- Que a solución ten que ser global, para todos os postos, fixando relación de persoas, de opcións, e de criterios para a asignación dos postos ás persoas.

En ningún caso aceptamos a excusa de que as persoas da "terceira vía" xa estaban a prestar servizos fora dos laboratorios. Confirman os nosos interlocutores que non estaban nen sequera en comisión de servizos, senon que simplemente os tiñan noutros servizos sen máis (así, con toda a cara do mundo, coa naturalidade de quen está na cociña da súa casa e e pensa que pode facer o que lle veña en gana).