O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de estimar parcialmente o recurso interposto pola CIG contra a Resolución do 11 de abril de 2011 da Consellería de Facenda (DOG nº 78 do 20/04/2011), na que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia, de 10 de marzo de 2011, polo que se aproba a Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería do Mar.

O TSXG declara a nulidade da dita RPT no que atinxe á forma de provisión por libre designación dos postos de Xefatura de Unidades Operativas do Servizo de Gardacostas, de nivel 22. O tribunal considera contraria a dereito esta forma de provisión, desbotando como insuficientes os argumentos esgrimidos pola Administración, en relación coa necesidade de prover estes postos de nivel 22 por LD, ao determinar que son os xefes territoriais os que exercen as funcións superiores de dirección e coordinación no ámbito da súa competencia. O TSXG aprobou, en cambio, que a Xefatura de Sección de Rexistro de Titulacións Marítimo-Pesqueiras sexa provista por LD, por tratar datos persoais cualificados como de nivel de protección medio-alto.

En conxunto, a CIG valora positivamente esta sentenza do TSXG, que vén a confirmar que existen límites ao uso indiscriminado da libre designación como forma de provisión en postos inferiores a Xefatura de Servizo, e considera que senta un precedente positivo para outras RPT nas que se abuse desta figura.