Rodearon en manifestación o Parlamento de Galiza.

Delegados e delegadas de todos os sectores da administración pública e de todas as organizacións sindicais concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza contra as políticas contiuístas do Partido Popular tanto no goberno central, como na Xunta de Galiza. A mobilización, convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, coincidiu co pleno do Parlamento no que se aprobaron os orzamentos da Xunta para 2014.

Durante a protesta, e tras un tempo concentradas/so, saíron en manifestación rodeando o Pazo do Hórreo, pero aínda que cursaran os permisos pertinentes na Delegación do Goberno, tiveron que facelo pola beirarrúa na maior parte do traxecto por orde dos efectivos policiais que acordonaban os accesos á sede parlamentaria.

Ao remate da mobilización deuse lectura a un manifesto no que se denuncia que as políticas que se veñen aplicando desde o ano 2009 están a provocar a desaparición dos servizos públicos e agravan aínda máis a profunda crise económica na que nos atopamos inmersos “precarizando as condicións laborais dos seus/súas traballadores/as e provocando máis paro no sector público”.

Acusaron ao PP de aumentar a carga de traballo coa non reposición de profesionais co único obxectivo de eliminar o sector público facendo desaparecer servizos públicos e manifestaron a súa máis rotunda oposición á taxa cero de reposición, á conxelación salarial e ao recorte das pagas extra.

Do mesmo xeito proclamaron o seu rexeitamento á privatización dos servizos públicos; ao incremento da xornada laboral; aos descontos por baixas médicas; á destrución de emprego público e á desaparición dos servizos públicos.

Fronte a isto demandaron o fomento de emprego público estable e de calidade; reclamaron a recuperación do poder adquisitivo perdido e das pagas extras íntegras e exixiron a recuperación de todos os dereitos laborais.

Responsabilizaron á administración de ser a salvagarda dos servizos públicos e dos seus traballadores e traballadoras. “Esa responsabilidade tamén a ten o grupo parlamentar do PP no Parlamento de Galiza e no Parlamento Español, como responsábel último da aprobación de todas estas medidas”, denunciaron.