Novas por contido

Non nos están a regar nada, estannos devolvendo os céntimos da carteira que nos roubaron

NO BOE do sábado, 21 de decembro de 2013, publicase a Lei Orgánica 9/2013, de control da débeda comercial no sector pública. Nesta lei inclúese, na súa disposición adicional 4ª, unha modificación lexislativa no EBEP que recolle que, a partir do 22 de decembro, serán 4 os días por asuntos persoais os que terán, con carácter básico, todas as traballadoras e traballadores públicas afectados por esta norma.

Xa que logo, este día adicional de asuntos persoais pode gozarse con cargo ao 2013. A CIG púxose en contacto con director xeral de Función Pública solicitando unha ampliación do período para o seu goce, que actualmente remata o 31 de xaneiro do seguinte ano. Segundo información do director xeral, antes de final de ano van sacar unha breve instrución sobre este tema na que contemplan a ampliación deste prazo.

Cómpre lembrar que para o 2014 hai 2 festividades de carácter estatal que coinciden en sábado. Consonte ás instrucións de vacacións, permisos e licenzas, habería que sumar 2 días adicionais por asuntos persoais a eses 4 recoñecidos agora no EBEP. Xa que logo, serían un total de 6 os días con cargo a este permiso os dispoñibles no 2014 para o persoal da Xunta de Galiza.

Os “moscosos” chámanse agora “montoros”

Durante o último trimestre deste ano estivo soando nos medios o ruxe-ruxe de que as traballadores e traballadores públicas ían ver recuperados os 6 “moscosos” de partida: primeiro que si, que non só sería para o persoal de Xustiza e ao final que concretouse nun só día. De novo, volvemos ver unha utilización política miserable dun dereito laboral, un dos máis pequenos pero tamén dos máis controvertidos publicamente.

Convén recordar que a orixe dos moscosos data de comezos dos anos 80 cando o Goberno socialista de Felipe González no canto de recuperar o poder adquisitivo do persoal das Administracións trocouno por varios días ao ano de libre disposición; uns días que, cómpre sinalar, non só un privilexio das traballadoras e traballadores públicos senón que aparecen recollidos en moitos convenios colectivos. Agora de novo, vemos outra utilización similar: no canto de devolvernos todo o que nos teñen roubado, desta volta para rescatar á banca, agasállanos polo Nadal con 1 moscoso adicional.

Contos de Nadal

Dese o ano 2010  tanto o poder adquisitivo do persoal das Administracións como os nosos dereitos teñen caído en picado. O recorte dos “moscosos” foi unha pequena parte de toda a ringleira dos recortes acumulados pola Lei de Medidas da Xunta e máis posteriormente polo RD 20/2012 do Estado.

Iso por non falar de todas as agresións que fixeron tanto os Gobernos do PP de Galiza e de Madrid contra os Servizos Públicos, diminuíndo os seus orzamentos, amortizando postos de traballo público e despedindo traballadoras e traballadores coas consecuencias dunha baixada de calidade, cando non desaparición do servizo, ou ben quedando en mans de organizacións ou empresas privadas afíns.

A equivalencia do moscoso para o persoal das Administracións sería como se o Estado español modificase a súa normativa para que 1 día o ano a Sanidade pública atendese as persoas sen pedirlle papeis ou ben que 1 día ao ano o acceso á Universidade pública fose de “portas abertas”, sen necesidade de pagar taxas. Aínda así, nestes casos habería un custo para as Administracións, cando no caso dos moscosos sáenlle absolutamente gratis xa que non se cubre a ausencia do persoal.

Como traballadoras e traballadores públicos, pero tamén como cidadáns, este ruín e envelenado agasallo de Nadal do ministro Montoro nin contenta nin vai parar a espiral de mobilizacións e protestas contra os sucesivos recortes do público en aras dos “mercados” e dos intereses privados que representan. Por outra banda, non nos están regalando nada, estannos devolvendo os céntimos da carteira que nos roubaron.

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...