Novas por contido
  • Pretende colocar ilegalmente a unha persoa a dedo no cargo da Dirección do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero e aumentar os niveis retributivos da escala de letrados.
  • A CIG prepara xa un recurso e levara ao xulgado a Xunta por enchufismo e uso político dun tema tan sensible.

No Decreto de creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero (DOG 10/01/2014), a Consellería de Presidencia aproba un sistema de provisión ilegal para unha unidade administrativa. O artigo 3.2 do Decreto deixa a porta aberta para que o posto de dirección deste centro sexa ocupado por unha persoa allea á Administración pública cunhas retribucións brutas de máis de 52.000€, gastos sociais incluídos, e unha equivalencia de “xefatura de servizo” segundo documentación interna da consellaría.

O Decreto de creación deste Centro é en realidade unha modificación do Decreto 72/2013 (DOG 14/05/2013) pola que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza . Mediante esta modificación créase unha nova unidade na Secretaría Xeral de Igualdade. Curiosamente, a pesar de depender dela, á CIG cónstalle que esta secretaría xeral non participou neste proxecto de creación máis que emitindo o preceptivo informe de impacto de xénero habitual. A autoría intelectual desta ilegalidade vén directamente da Consellaría de Presidencia.

Consonte á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza (LOFAXGA), este novo centro ten unha natureza xurídica de servizo ou unidade administrativa de nivel menor. Non é unha entidade pública instrumental para as que procedería unha creación por lei nin, pola configuración do decreto, unha sociedade mercantil ou fundación pública.

Segundo a lei de organización da Administración galega, só cabe que sexa Administración xeral, unidade administrativa pura e dura para os efectos xurídicos como sería unha subdirección ou servizo en calquera das consellarías. Xa que logo, non cabe a posibilidade de contratar persoal directivo ou de alta dirección, nin persoal propio á marxe da lei galega de función pública.

Pois ben, na Administración xeral só se pode prover as necesidades de persoal consonte a lei de Función Pública. Xa que logo, o posto de persoa titular da Dirección ten que estar reflectido na relación de postos de traballo como o resto do equipo multidisciplinar e debe ser persoal funcionario (de calquera administración) ou persoal laboral da Xunta de Galiza.

O artigo 3.2. describe unha cobertura do posto de persoa titular da Dirección que corresponde ao persoal directivo recollido no artigo 79 da LOFAXGA ou o 13 do EBEP. E consonte a LOFAXGA só pode haber persoal directivo en determinadas entidades instrumentais pero nunca na Administración xeral.

O que está facendo o Goberno da Xunta con este Decreto é consagrar unha ilegalidade, tratando de deixar aberta a posibilidade de dirixir un centro público con persoal alleo á Administración mediante “réxime de contratación laboral” á marxe dos sistemas establecidos na lei de función pública. Cómpre facer fincapé noutros centros públicos da Xunta con entidade xurídica similar cuxa dirección está a cargo de persoal funcionario e/ou persoal laboral da Xunta como as residencias de maiores ou centros de persoas dependentes.

O uso propagandístico da Xunta en temas sensibles non ten límites. Vímolo durante os repetidos anuncios de creación deste centro que leva demorando desde o 2007. Tamén observamos que non ten límite os intentos de politizar a Administración colocando a xente allea e desta volta á marxe da lei. Este Decreto abre unha vía perigosa xa que se non se para nos xulgados acabará con persoal alleo ás Administracións públicas ocupando postos de xefaturas de servizo ou subdireccións das consellarías. Non se requiriría ter aprobado nunca unha oposición, nin se garantiría o coñecemento do funcionamento da Administración pública, e só sería imprescindible ter a confianza do partido.

Xogar coa violencia de xénero para consolidar retribucións

Se non era pouco, a Consellaría de Presidencia vén de utilizar este decreto para consolidar o nivel profesional mínimo da escala de letrados. Na Disposición Derradeira 2ª establece que os “niveis destes postos de traballo estarán comprendidos entre o 28 e 30”, os máximos que pode alcanzar un persoal funcionario na Xunta.

A suposta "xustificación" para esta consolidación estaría, segundo din, na “especial dificultade técnica e responsabilidade” que implicaría o feito de que a Xunta poida comparecer nos procesos penais por violencia de xénero acaecidos no territorio galego.

Isto significa na práctica que se está mesturando dun xeito inaudito os "allos cos bugallos"  xa que nun Decreto relacionado coa violencia de xénero estase aproveitando que "o Miño pasa por Lugo" para establecer unha regulación xeral que afecta a todo o persoal da escala de letrados/as.

O normal sería que esta modificación fose incluída ben nunha norma específica ou ben na normativa xeral de función pública. Así, o feito de que a Xunta poida comparecer nestes procesos, e o persoal letrado, dentro das súas funcións ordinarias exerza esta representación, é absolutamente independente dunha regulación das condicións de traballo que afecta a todo este persoal.

Á marxe da xustificación, o establecemento dos niveis profesionais dos corpos e escalas da Xunta debe ser abordado en conxunto e nunha Mesa Xeral de Negociación.

A vulneración da negociación colectiva pero principalmente da legalidade no acceso á Función Pública motiva que a CIG xa puxera nas mans da súa Asesoría Xurídica o estudo e elaboración do pertinente recurso contencioso administrativo no que respecta aos artigos 3.2 (forma de provisión da dirección) e a disposición derradeira segunda (niveis do corpo letrados).

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...