Novas por contido

Onde están eses brotes verdes? Onde está esa temporalidade das medidas que nos meteron á forza en febreiro do ano pasado? Onde está esa extra que recuperaríamos cando todo fose ben?

Xa vai sendo hora de chamarlle ás cousas polo seu nome: NON É UNHA CRISE, É UNHA ESTAFA. Acaso credes que estes gobernantes (os “mercados” e os seus servos obedientes) teñen na súa axenda a recuperación dalgún dos dereitos que nos quitaron e dos que nos están a quitar pouco a pouco? Acaso non levamos tempo dabondo sufrindo recortes para darnos conta de que isto non é casualidade, que obedece a unha estratexia claramente planificada para, finalmente, eliminar o estado do benestar que, con todos os seus defectos, tiñamos até hai ben pouco?

E agora vén o amigo frijolito dicindo que el é o "garante dos Servizos Públicos". Garante de que!? Será de todo o contrario, garante máis ben de que empresas privadas como Eulen (onde traballa a súa irmá), Fesán, Clece, Plexus, Coremain, Atos Origin, Geriatros, Unisyas, Indra, Altia, etc. Para que toda a patronal chupe da teta das privatizacións. Un negocio seguro, acabouse o ladrillo, agora tocan os servizos públicos.

E modifican as leis para que non quede nada solto, compran cañóns de auga e ben vemos o que se fai coa Lei de Seguridade Cidadán, non vai ser que un día esperte a clase traballadora e nos enfademos de verdade. Está claro que esta lei non está máis que para defender os intereses do Capital, non os nosos. Nós seguiremos estando igual de inseguros e, sobre todo, indefensos perante o gran inimigo do pobo, nestes momentos os seus gobernantes.

A Xunta de Galiza, como máxima representante do Estado no noso país, é un gran exemplo, sobre todo a nível de xestión de persoal. Só temos que botarlle unha ollada a todo o que leva pasado no ano anterior, sen ir máis lonxe.

As lembranzas son a mellor ferramenta para facerlles fronte. Eles xogan ao factor memoria de peixe, é dicir, hoxe digo unha cousa e pasado mañá digo outra. A anterior queda esquecida, como moito lembrarana catro pelagatos que non teñen outra cousa que facer. A memoria colectiva, a importante, ten que ser selectiva e para iso están os medios de comunicación, argallando cousas novas todos os días para que te esquezas das anteriores.

Lembrámonos, por exemplo, de cando foi a primeira previsión que deu Función Pública para a Promoción Interna? E  tamén a que deron para a Consolidación do Persoal Laboral? E que pasa coas OPES dos anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012? Agora sacan unha merda de oferta e semella que non se pode falar de todo aquilo que aínda está sen tan sequera convocar.

Dicía un colega destes: “Unha mentira mil veces repetida convértese nunha verdade.” Agora, estes neocóns actuais danlle unha volta ao asunto e din mil mentiras para que non te decates da verdade.

Pero non, nós temos memoria, lembrámonos de todos os golpes que levamos e, sobre todo, non nos imos esquecer.

Lembremos outra cousa máis: Os nosos dereitos non naceron dunha iniciativa parlamentaria nin dun recurso xudicial, onde naceron foi nas rúas, e aí é onde nos imos ver, aí é onde está a saída desta estafa.

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...