Novas por contido

No DOG do 30/12/2013 publicase unha nova modificación da relación de postos de traballo (RPT) da consellaría de Facenda, novo remendo de RPT que fai a Xunta á carta para poder colocar a persoas concretas.

As distintas consellarías, coa connivencia da Función Pública, dedican ímprobos esforzos nas RPTs a perfilar os postos segundo quen quere que as ocupe, ou quen as estea ocupando, e non segundo as necesidades de persoal dos departamentos. Isto supera toda lóxica e xa case roza o abuso, sobre todo en postos nos que a forma de provisión é a Libre Designación (LD).

Aquí calquera das consellerías trae unha traballadora ou traballador de algún concello, de outra comunidade autónoma ou da administración central, dálle un posto, en principio en comisión de servizos, e logo para legalizarlle a situación modifican a RPT á carta, ou sexa, abren ou pechan as prazas como mellor conveña. Isto para nós, aparte de ser unha chapuza impresionante, aínda que legal, parécenos escandaloso.

Postos abertos a outras Administracións

Para abrir postos a outras Administracións a Xunta acóllese ao artigo 44.4 do texto refundido da lei de función pública galega que recolle que: o persoal doutras administracións en servizo activo na Administración da Xunta de Galiza non poderá superar en ningún caso o 5% dos efectivos totais con que esta conte. Pedíronselle datos por activa e por pasiva dos tantos por cen de persoal doutras Administracións e a resposta sempre e a mesma, a calada.

A apertura de postos a outras administracións ten un montón de implicacións: dunha banda está o problema da non reciprocidade. Doutra banda temos que por sistema abren sempre os postos de LD, polo que impiden a mobilidade que tanto defenden se non é mediante padriños. E por último temos unha "débeda histórica" en canto que na nosa administración houbo moi pouca promoción interna. Este último sería o caso de dous funcionarios que aprobaron para o mesmo grupo na Xunta e no Estado. Resulta que no Estado seguramente promocionou de grupo mentres que o da Xunta non, e agora o do Estado ven á Xunta pero de grupo máis alto. Por tanto, a administración está a dificultar que o seu propio persoal concorra en igualdade de condicións nun concurso polos mesmos postos.

A segregación dos postos por corpos e escalas

E por se isto non bastara para perfilar os postos, sempre se pode ir máis aló. Como? pois moi sinxelo: xogando co corpo/escala que pode cubrir determinados postos. Abren un posto de corpos xerais a corpos especiais ou escalas, e á inversa, sen unha xustificación sólida, e non teñen nin o menor rubor en facer estas arbitrariedades, aínda que sexa sempre co voto en contra da CIG e dos restantes representantes sindicais. E se non chega para adaptar o posto á persoa pois colocan un “requisito imprescindible” por aquí ou un “mérito” por acolá.

Baixo a óptica de que a CIG defende os servizos públicos e por tanto queremos que a administración funcione correctamente, nada temos que dicir en contra de que un posto sexa de corpos xerais, dunha escala ou dun corpo especial. O único requisito é que o posto sexa acorde coas funcións que debe desempeñar na unidade. O que resulta inexplicable é que un posto estea aberto a administración especial ou a escalas, sen indicar ningún outro requisito, pois non é aceptábel que sirva tanto un enxeñeiro informático como un arquitecto ou un bibliotecario.

Pero este voto en contra á Función Pública e aos responsables das consellerías tanto lle ten. Fano como se fose un ritual no canto de ter unha negociación formal, sen atender as cuestións que lle propoñemos dende a parte sindical, sen nos dar unha información da motivación real de tales “aperturas”. Pero nesta Administración ao final todo se sabe...

O caso concreto da Consellaría de Facenda

En Facenda existen bastantes postos, de niveles superiores, que están pechados a escala de finanzas polas súas peculiares funcións. Tempo atrás ten habido propostas das organizacións sindicais de abrir algúns dos ditos postos tamén aos corpos xerais polas súas funcións máis transversais, coa postura en contra da consellaría.

Pois ben, agora veu Facenda e sacou adiante (co voto en contra de todas as organizacións sindicais) a seguinte proposta. Entre varias modificacións, chama a atención o pase de varias xefaturas de servizo da escala de finanzas aos corpos xerais; non estamos dicindo que a poida ocupar unha persoa da escala de finanzas ou tamén dos corpos xerais, senón que o servizo que antes só podía ocupar persoal funcionario da escala de finanzas agora só o vai poder ocupar persoal funcionario dos corpos xerais. Sorprende este cambio radical, non sendo que algún deses postos leve tempo vacante e non dean atopado persoa candidata con esas características tan restritivas. Pero sorprende aínda máis cando eses postos non están vacantes.

Resulta que abren unha xefatura de servizo á Administración local e curiosamente persoa que xa a ocupa é A2 na Xunta pero está en excedencia como A1 nun concello co cal se vería colateralmente beneficiada cun incremento retributivo. Por outro lado, outras xefaturas de servizo as pasan de escalas de finanzas a corpos xerais e resulta que as persoas que as ocupan como A2 están en excedencia do A1 de corpos xerais e, de súpeto, xa poden tomar posesión como funcionarias do grupo superior.

Resulta complicado que un xulgado entre a valorar unha “consecuencia preintencional” e máis aínda demostrar esta, polo que estes indicios quedan só en anécdota doutra máis das “RPTs á carta” mentres a gran maioría segue a comer o “menú do día”.

Isto por non falar que cando se leva unha RPT ao xulgado, este soe darlle a razón a Administración en base a súa “potestade de autoorganización”. Porén, nos poucos casos que nos dá a razón e teñen que volver modificar as modificacións ilegais e aquí non dimite ninguén. Isto todo é impresentable, por moitas razóns, entre elas pola eficacia procesal, gasto de diñeiro público e tempo por parte da Administración, tamén polo gasto que aos propios sindicatos lle supón e pola saturación tamén das nosas asesorías xurídicas...., en resumo: só tes que ter o enchufe ou o contacto adecuado para que se faga a RPT á carta. Unha chapuza impresentable que non quita que a denunciamos publicamente.

Outras novas recentes

Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Luns, 18 Marzo 2024

A CIG solicita que se volva a abrir o buzón de postos do concurso de corpos especiais

Despois dun breve prazo para formular alegacións, Función Pública pechou o buzón sen responder a máis da metade das alegacións sobre os postos. De todas as alegacións formuladas pola CiG en relación aos postos do concurso de traslados de corpos especiais (inclusións, exclusións, etc) de máis da metade non temos resposta. Hai que facer constar que cando nós alegamos por ter...