Novas por contido

A CIG vén de solicitar a constitución e reunión da Comisión de Seguemento establecida na disposición adicional 2ª da Orde que regulamanenta a flexibilidade e teletraballo fundamentado en diversas problemáticas detectadas no escaso tempo da súa posta en funcionamento.

Con data do 31/12/2013 publicouse no DOG a Orde pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita orde entrou en vigor o día 2 de xaneiro e desde entón foron moitas as solicitudes de flexibilización en tan pouco tempo (900 nas primeiras 8h segundo datos difundidos pola Xunta á prensa).

Cómpre destacar que hai persoal que está no ámbito de aplicación desta Orde que na teoría pode solicitar a xornada flexible e/ou teletraballo pero na práctica non pode facelo xa que o sistema de información e control horario do persoal empregado público (Kronos) non está implementado nin temos indicación das previsións de implantación destes centros.

Por outra banda, a posta en marcha da nova regulamentación da flexibilidade familiar entra en colisión co artigo 44 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. O dito artigo establece que se establecerá o “máis amplo horario de referencia posible” e “determinado en cada caso”. Neste senso, observamos unha posible vulneración da orde co dereito recollido na lei coa adaptación das actuais resolucións por flexibilidade familiar que permiten un horario de referencia máis aló das 20h ou os venres pola tarde.

Por último, xa está habendo queixas ante as advertencias dalgún persoal de unidades que afirman que "non imos poder autorizar a flexibilidade a todo o mundo". En calquera caso, precisamos de datos para facer unha valoración obxectiva destas queixas.

A orde recoñece o dereito das centrais sindicais a recibir unha serie de información pero non existe procedemento de comunicación establecido (envío de listaxes cada certo tempo, envío previa solicitude por rexistro ou correo electrónico, consulta telemática...). Entendemos que este sistema de comunicación ten que quedar claro canto antes. A CIG xa advertiu durante a negociación desta orde que a aplicación práctica podía crear conflitos para o caso de solicitudes concorrentes por parte de traballadores dunha mesma unidade na que a Administración considere que as necesidades do servizo impiden que se lles autorice a todos.

Uso propagandístico

No escrito dirixido conxuntamente á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e á Dirección Xeral da Función Pública poñemos de manifesto o malestar das traballadoras e traballadores públicos pola enésima utilización propagandística deste tema.  Destaca a nota difundida pola Voz de Galiza tan só un día despois da entrada en vigor na que se destripaban xa datos concretos de número de solicitudes de flexibilidade e teletraballo.

Cómpre destacar que durante a negociación pedimos ter datos sobre as solicitudes e a Xunta non quixo recoller na orde ese dereito. Xa que logo, solicitamos que amplíen a difusión de información mínima recoñecida na Orde sobre a flexibilidade tamén ao número de solicitudes de flexibilidade e teletraballo segregadas por centro de traballo. Se estes datos se lle están facilitando á prensa, en boa lóxica poden sernos facilitadas ás organizacións sindicais. En todo caso, reclamamos o dereito a recibir en primeiro lugar a dita información por ser as principais persoas interesadas.

Por último, facemos fincapé en que deixen de facer un uso propagandístico reiterado desta orde para tratar de contrarrestar a erosión política derivada do recorte de dereitos económicos. A utilización política dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos só contribúe a promover unha visión sesgada do persoal dos servizos públicos desde o conxunto da sociedade.

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...