A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais no seu último Pleno acordou elaborar un pronunciamento en contra da coñecida coma Lei "mordaza" que prepara o Goberno español. Transcribimos a súa literalidade a continuación:

"A través dos medios de comunicación tivemos coñecemento do anteproxecto da nova Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá. Este novo proxecto do Goberno destaca polo castigo dos novos repertorios de acción colectiva de protesta social, léxitimos, cívicos e pacíficos. Neste senso establécense como infraccións administrativas moi graves, con multas entre 30.001 e 600.000€ as concentracións non comunicadas ante institucións do Estado, a grabación da actuación da policía durante unha manifestación ou os escraches.

A inconstitucionalidade e improcedencia da reforma da Lei de Seguridade Cidadán que se está formulando pode resultar mesmo máis preocupante ca do Código Penal xa que hai máis persoas expostas a esta e as multas que se impoñan escapan do control xudicial a priori. E se alguén quere que un xulgado revise a legalidade da sanción vai ter que ir ao contencioso-administrativo, co pagamento das novas e abusiva taxas xudiciais que xa coñeemos.

Aínda que non se coñece o texto definitivo é obvio que se pretende unha lei ex profeso contra as protestas sociais que tan críticas están sendo en oposición aos gobernos actuáis, modelos de protesta que ten utilizado esta Xunta de Persoal para convocar determinadas mobilizacións.

Non hai ninguna situación de emerxencia nin alarma social que motive a modificiación e reforma da actual Lei de Protección e Seguridade Cidadá, sendo inadmisible o brutal endurecemento das sancións económicas, a desaparición das faltas e o agravamento das penas que pretende o novo anterproxecto.

Este proxecto de disposición legal non aspira en realidade a establecer e favorecer o benestar e seguridade de toda a cidadanía; simplemente pretende criminalizar e silenciar con tintes propios de países con réximes totalitarios, o moi lexítimo dereito a manifestarse, a expresar o descontento de amplos sectores da poboación a través dos cauces habituais.

Esiximos a retirada inmediata do anteproxecto de Lei ao ser unha norma claramente disparatada e que atenta abertamente contra os dereitos fundamentais das persoas e ten visos de inconstitucionalidade."