O xulgado recoñece o dereito dos empregados públicos aos días de vacacións por antigüidade recollidos na Lei da Función Pública. Este dereito foi negado pola Administración Autonómica alegando a aplicación do Real Decreto-Lei 20/2012.

O Xulgado n.º 1 do Contencioso Administrativo de Ferrol, ven de ditar unha sentenza recoñecendo o dereito dos empregados públicos aos días de vacacións por antigüidade que están recollidos no artigo 75.2 da Lei da Función Pública de Galiza e que foron negados pola Administración Autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes dos dereitos laborais das empregadas e empregados públicos.

A modificación estatal foi introducida polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que reformaba o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público. Este decreto é o mesmo que suprimiu a paga extraordinaria de decembro de 2012 e deixou sen efecto todos os acordos sindicais adoptados ata ese momento.

A sentenza de Ferrol, é a primeira das que irán aparecendo ao longo da xeografía galega xa que se corresponde cunha serie de demandas interpostas por iniciativa das federacións que integran a área pública da CIG en diferentes localidades encamiñada a exercer a defensa do funcionariado, que é un sector da poboación laboral que non pode interpor conflitos colectivos, dadas as peculiaridades que rexen o seu sistema de relacións laborais.

A xuíza do Xulgado contencioso/administrativo nº 1 de Ferrol, da a razón ao compañeiro da CIG, que interpuxo a demanda no marco desa acción entendendo que o artigo 75.2 da Lei da Función Pública de Galicia segue a estar en vigor. O contido textual dese apartado da Lei é o seguinte:

2. Así mesmo, (o persoal funcionario) terá dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo, ao que lle engadirá un día hábil máis ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, ata un total de vinte e seis días hábiles por ano natural.

Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior.

A sentenza non é firme xa que contra a mesma cabe recurso de apelación diante do mesmo xulgado. Doutro lado haberá que estar aos resultados das outras demandas interpostas en diferentes xulgados.