Unha vez máis, desta vez a través do rotativo "El Correo Gallego" do 29/01/2014", as empregadas e empregados públicos da Xunta vimos de ter coñecemento do grao de implantación da xornada flexible, da que xa estarían a facer uso máis de 2.600 persoas.

En contraste con este interese da Xunta en explotar politicamente a implantación da flexibilidade horaria nos medios de prensa, a representación sindical do persoal da Administración autonómica continúa sen recibir ningún tipo de datos nin información ao respecto.

Por mor dos problemas de aplicación que teñen xurdido en certos departamentos desde a entrada en vigor da Orde, especialmente os atrancos á flexibilización horaria por motivos de conciliación familiar, a CIG-Autonómica solicitou o 14 de xaneiro de 2014 a Comisión de Seguimento prevista na Orde do 20 de decembro de 2013 (DOG 31/12/2013) pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na Comisión de Persoal do 20/01/2014, a Administración asegurou que a Comisión de Seguimento constituiríase a primeira semana de febreiro. Porén, cando xa está a punto de rematar xaneiro, continúa sen haber nin convocatoria formal da dita comisión, nin tampouco comunicación de información ás organizacións sindicais. Información que, por contra, continuamente está a aparecer publicada nos medios de prensa, nun continuo goteo de datos que a Administración teima en empregar como propaganda. Propaganda na que, ademais de se omitir que a Administración está a obstaculizar a flexibilización horaria por conciliación familiar, ténselle dado nos medios un tratamento de suposto "privilexio" á flexibilización horaria do persoal da Xunta de Galiza.