A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa de Servizos Centrais vanse concentrar o xoves 6 de febreiro de 2014, ás 11:30 h., na explanada da cafetaría en San Caetano baixo o lema Feijóo, paga o que debes!

Con esta concentración, os órganos de representación do persoal de Servizos Centrais chaman á participación de todos os traballadores e traballadoras neste acto para esixirlle ao noso presidente que nos devolva o que é noso.

Ao tempo, os dous órganos de representación presentarán por rexistro un escrito dirixido aos responsables da Administración no que se lles solicita que tomen exemplo doutras comunidades autónomas (como Estremadura e Castela León) ao respecto de proceder á devolución da parte devengada ilegalmente detraída da paga extraordinaria de decembro de 2012, derivada  dos diferentes pronunciamentos xudiciais sobre a ilegalidade que supón a aplicación con carácter retroactivo do Real Decreto Lei 20/2012, sobre medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade.

Asemade, con este escrito tamén se lle pide aos responsables da Administración que se lle comunique aos órganos de representación do persoal o custo que supón para os recursos públicos o incumprimento da legalidade vixente.