O xuízo será o 20 de febreiro no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). Desde o Comité de empresa convocan concentración de apoio ás 11.15h.

O Comité de Empresa de Traballo e Benestar da Coruña presentou CONFLICTO COLECTIVO en defensa da NEGOCIACIÓN E CONTRA A DISCRIMINACIÓN.

A Xefatura Territorial e as direccións dos Centros impoñen quendas de traballo e xornadas abusivas sen respectar os dereitos do persoal, a conciliación da vida laboral e familiar e a propia saúde das traballadoras e traballadores. Contra este tipo de quendas impostas sen a obrigada negociación, que é un dereito da representación sindical, interpuxeron Conflito Colectivo, porque din "non están dispostos a calar e aceptar que a Xefatura Territorial e as direccións dos Centros cometan un abuso de poder que vai contra da saúde do persoal, dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos e da calidade dos servizos que prestan".

O comité tamén interpuxo conflicto colectivo contra a xornada de verán, ao excluirse ao persoal laboral que presta servizos en centros de atención directa. Isto supón non aplicarlles a reducción horária do verán ou a compensación que corresponda a 1.800 de traballadoras e traballadores de Traballo e Benestar na Coruña, deixándoos discriminados a respecto do persoal da Xunta coa mesma relación laboral ao que si se lle aplica. O comité conclúe que "considera de xustiza que todo o persoal da Xunta teña os mesmos dereitos, é dicir, xornada de verán para todo o persoal ou compensación complementaria" e fai un chamamento ao persoal afectado a apoiar na concentración do xoves, 20 de febreiro, ás portas do TSXG.