Novas por contido

O vindeiro venres, 21 de febreiro, reunirase a Comisión de Seguimento da Orde de flexibilidade e teletraballo

No DOG do 31/12/2103 publicouse a nova Orde de xornada laboral, flexibilidade horaria e teletraballo. Foi unha orde que tardou moito en concretarse desde que en abril de 2011 nos anunciaran que en setembro de 2012 estaría en funcionamento. O ano 2012 foi un anus horribilis para as traballadoras e traballadores públicos, non só polos recortes, senón polos dereitos que non se desenvolvían (concursos, promoción interna e por suposto a dita flexibilidade…).

Non foi ata abril do 2013 cando no Consello da Xunta se anunciou a bombo e prato que teríamos “flexibilidade horaria” como “compensación de tanto esforzo”. Pero ata a achega definitiva do borrador, a Xunta se encargou ben de botar nos medios a dita nova e as súas características. Comezaron as negociacións, negociacións reais, para variar, en parte porque é un tema no que a Xunta non gasta un can e pode sacar rédito político; estas sufriron un bo parón de xuño a setembro.

En outubro concretouse o texto final e o Consello da Xunta volveu a vender de novo a cacarexada flexibilidade e ata o teletraballo que ten un impacto minúsculo. Porén, non foi ata finais do 2013 e ata 2014 a entrada en vigor desta orde. A CIG abstívose na votación en Comisión de Persoal porque aínda recoñecendo avances recolleu o cabreo do persoal por dous motivos fundamentais: o reiterado uso político e a falta dunha flexibilidade automática real. Por suposto, coa entrada en vigor foron emitidas tamén varias notas de prensa da Xunta con este tema, informándonos puntualmente a través dos xornais de como avanzaban as solicitudes e concesións dos nosos dereitos.

Decidimos entón solicitar a constitución da Comisión de Seguimento establecida na DA 2ª desta orde. Porén, o que comezou sendo un rexeitamento do uso propagandístico dos nosos dereitos e da falta de información, rematou sendo un cúmulo de problemas, queixas e reclamacións sobre o funcionamento desta orde: problemas técnicos  e falta de saldo de horas pendentes na aplicación, atraso nas resolucións das flexibilidades familiares, cambio das condicións e constrinximento do dereito con indicios de vulneración da lei de igualdade, diverxencia na concesión do teletraballo...

Estes temas afectan fundamentalmente ao persoal que fai traballo administrativo e do que temos recibido multitude de cuestións, suxestións e queixas. Tamén é un tema no que observamos, por primeira vez en moito tempo, unha intención, aínda que interesada, de chegar a acordos. Xa que logo, vemos necesario con estes temas convocar unha asemblea na que debater e poñer en común coas traballadoras e traballadores públicos afectados de cara á reunión da comisión de seguimento o vindeiro venres, 21 de febreiro, ás 12:00h

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...