Novas por contido

O pasado 21 de febreiro constituíuse a comisión de seguimento da Orde de Flexibilidade e Teletraballo. En contrario ás intencións da CIG, esta reunión serviu pouco máis que para ofrecer datos de implantación da flexibilidade e teletraballo e para anunciar o vindeiro envío dunhas instrucións de desenvolvemento da orde.

A CIG levaba varias queixas e suxestións de mellora da orde xunto cunha morea de dúbidas achegadas polas traballadoras e traballadores pero non puidemos tratar todas polo miúdo porque pediron que non entraramos en detalles. Para iso remítennos a vindeira reunión e a unhas futuras instrucións que din que solucionará moitas das dúbidas e problemas actuais, entre os cales a Administración puxo o exemplo das persoas con xornada de tarde.

Constitución da comisión e fluxo de información

En canto á propia comisión de seguimento, a CIG expón que a súa finalidade non debe ser entregar datos á representación sindical dado que a achega de información poderíana ter solucionado máis eficientemente a través, por exemplo, do correo electrónico. Solicitamos que para as vindeiras convocatorias se dea pé a presentar puntos para tratar na orde do día desta comisión e non como desta volta que ía sen contido.

Un dos puntos que motivou a petición de convocatoria da comisión de seguimento pola nosa parte foi o establecemento dun protocolo de transmisión da información que aparece recoñecida na orde. Recordamos que ata a actualidade esta información estaba sendo mandada á prensa pero non á representación das traballadoras e traballadores. Neste sentido Función Pública comenta que pretenden facer como as comisión de servizo (consulta en tempo real). Porén, a CIG comenta que dada a indeterminación para esta solución é necesario chegar a unha solución transitoria. Acórdase que remitirán a información por correo electrónico de xeito mensual (nos 5 primeiros días do mes mandarían os datos do mes anterior). Nesta información irán os seguintes números así como no caso das denegacións a súa motivación detallada por posto.

02/01/2014 - 20/02/2014 Solicitudes Concedidas Denegadas
Flexibilidade particular 4276 3736 30
Flexibilidade familiar 268 180 19
Teletraballo 171 0 0

 

 

 

Motivación das denegacións

  • Flexibilidade “automática”:6 persoas nun centro de Ourense porque permanece o edificio pechado e ningún traballador/a aceptou a chave, 6 persoas con horario especial, 2 a petición propia, 1 que traballaba a quendas no SPDCIF...
  • Flexibilidade familiar: por non validar o horario de referencia, por solicitalo como proba.

En canto á valoración de datos, pódese observar que flexibilidade foi só solicitada por un 33% do total das persoas potencialmente usuarias (12.000) e para o teletraballo tan só un 10% (2.000) sempre segundo estimacións da propia Administración. Preguntamos pola valoración fai a Administración (por ver se é tan entusiasta como nos medios). Avaliación responde que creen que é moi positiva e que aínda están entrando solicitudes porén recoñécese que hai unha diminución no ritmo destas.

 

Flexibilidade familiar e modificación da orde

Unha das cuestións que máis urxen a modificación da orde actual é a configuración flexibilidade familiar no senso de que a redacción actual ten visos de contravir a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. O dito artigo establece que se establecerá o “máis amplo horario de referencia posible” e “determinado en cada caso”. Neste senso, observamos unha posible vulneración da orde co dereito recollido na lei coa adaptación das actuais resolucións por flexibilidade familiar que non permite un horario de referencia máis aló das 20h ou os venres pola tarde.

Por outra banda, destacamos o inaceptable das presións que sufriron traballadoras e traballadores de determinadas unidades para que se autoimpuxeran un horario de referencia máis reducido que o que permite a orde e mesmo establecer a lapiz na solicitude un horario de presenza.

A negativa dalgúnhas persoas está facendo que se prolonge sine die a resolución da súa solicitude da flexibilidade por motivos familiares. Neste termo sinalamos que é necesario establecer un tempo máximo de resolución deste procedemento que debe ser sensiblemente inferior aos 3 meses que rixe na actualidade segundo a Lei de Procedemento Administrativo e establecer o carácter positivo do silencio. Comparativamente chamamos a atención de que a orde establece 3 meses para resolver a solicitude de teletraballo, moito máis complexo procedimentalmente, e un sentido positivo do silencio. Cómpre facer fincapé en que o texto que saiu da Comisión de Persoal levaba 15 días para resolver esta flexibilidade, o cal foi cambiado trala restructuración da orde polo informe da Asesoría Xurídica.

A Administración responde que a orde leva pouco en funcionamento e que aínda é cedo para facer algunha modificación e que os problemas de aplicación diferenciada quedarán solucionados a través das instrucións de aplicación. En todo caso, a CIG deixa claro que está estudando xuridicamente o tema e non descarta a formulación do oportuno recurso se non existe vontade de solucionar esto en vía negocial.

Outras consideracións e instrucións de desenvolvemento

Comunicámoslle a Adminsitración que detectamos aplicacións difenciadas segundo o centro, queixas (sobre o funcionamento e información da aplicación informática, sobre a apertura e peche dos centros, na concesión do teletraballo...) e tamén moitas dúbidas de interpretación xerais e aplicación a diferentes colectivos

Sen entrar a debater ningunha cuestión concreta, insiten en que para a semana teremos na caixa de correo das organizacións sindicais un borrador das Instrucións de aplicación da orde que solventaran moitas destas problemáticas. Avaliación sinala a existencia dun “manual de preguntas frecuentes” que se pode consultar en intranet e din que con elas solventan unha alta porcentaxe de dúbidas que lles chegan. Sobre o tema específico da mellora da aplicación din que lle chegaron moitas queixas e están traballando coa AMTEGA e van a modificala para que mostre, entre outros, as horas mensuais restantes.

Desde a CIG facemos fincapé en que a proposta e eleboración das ditas instrucións deberían partir desta comisión de seguimento para ser negociada no ámbito da Mesa Xeral; non ser unha cuestión unidireccional da Administración. Función Pública responde que vai ser negociada e insisten en que mandarán o borrador para que presentemos alegacións.

Por último, seguimos instindo en que as traballadoras e traballadores públicos sigan achegándonos as queixas pero tamén deixando constancia por escrito das súas problemáticas drixidas a esta Comisión de Seguimento, xa que cando existe unha gran demanda ou ben unha resposta colectiva acaban facéndose eco, como foi o tema da modificación da aplicación ou a variación do horario de peche do centro da Secretaría Xeral de Montes.

Continúa o uso político da flexibilidade e teletraballo

A CIG transmitiu o malestar e o cabreo non só da nosa organización senón tamén da maioría de traballadoras e traballadores públicos por ver cada dous por tres unha nota de prensa da Xunta sacando a colación o tema da flexibilidade e teletraballo. Nomeadamente citase que en menos de un mes a Dirección Xeral da Función Pública sacou tres notas de prensa onde publicaba os datos de implantación da flexibilidade e telebrallo, datos polos que as organizacións sindicais tivemos que agardar, tras moito insistir, case 2 meses.

Por outra banda, tampouco nos gusta o enfoque que lle están dando nestas notas nas que a propia Administración deixa de lado o seu propio beneficio organizativo, centrándose no feito da “concesión" dun dereito co obxecto tratar de contrarrestar a erosión política derivada do recorte de dereitos económicos. Porén, a utilización política actual dos dereitos das traballadoras e traballadores públicos só contribúe a promover unha visión sesgada do persoal dos servizos públicos desde o conxunto da sociedade; unha visión sesgada que axuda a vender os plans privatizadores do goberno actual.

Nomeadamente pídiuse que non seguirán estirando a corda e se comprometera a non sacar unha nova nota de prensa co motivo da constitución desta comisión, que ata nos parecería ridículo dada a pouca entidade informativa. Neste sentido un director dixo da Función Pública bastante cabreado dixo que podían sacar as notas que quixeran, como as sacábamos nós, e que o van seguir facendo (falou de liberdade de expresión e de censura...); que outra cousa é o que publique a prensa. Efectivamente, así o fixeron outra vez máis.

Desde a CIG non lle imos a censurar esas notas non só porque non teñamos a capacidade cos medios que ten o Goberno senón por propia ideoloxía. Porén, o que non imos deixar de facer é amosar ás persoas representantes da Administración a nosa desconformidade co seu proceder. e o malestar que nos transmiten as traballadoras e traballadores públicas por estas contínuas notas de prensa.

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...
Venres, 12 Abril 2024

Emendas da CIG ás leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais

Dende a CIG, e con ánimo de mellorar os textos dos proxectos de leis básicas de bombeiros/as forestais e axentes forestais e medioambientais, enviamos aos grupos parlamentares do Congreso as nosas achegas a estes documentos dentro da fase de emendas. Para nós estes textos son claramente mellorables porque poden chegar a limitar o ámbito de actuación e funcións de...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...