Novas por contido

A semana pasada celebráronse dúas asembleas en San Caetano e San Lázaro co motivo da inminente constitución da comisión de seguimento.  A participación foi bastante alta en canto á cantidade de xente que asistiu pero foron, sobre todo, moi produtivas en canto ás achegas aportadas polo persoal traballador.

Dende a CIG criticouse a falta de información sobre a marcha desta orde, información que vén tendo a prensa, motivación inicial de pedimento da constitución da Comisión de Seguimento. Comentouse a utilización política e partidaria por parte do goberno da Xunta da Flexibilidade e Teletraballo.

Na parte expositiva da asemblea deronse unhas breves pinceladas da orixe e configuración da actual orde. Entrando en matería, fíxose especial fincapé nos seguintes puntos: 1º) a arbitrariedade á hora de aplicar a orde en función do centro, nomeadamente con relación á flexibilidade familiar  e 2º) o mal funcionamento do sistema e o feito que non reflicta o tempo que falta para cumprir o horario mensual ou o que se leva feito de máis.

Fíxose especial fincapé no primeiro punto xa que en moitos casos se está a confundir o "horario de presenza obrigada" (que non existe neste modelo de flexibilidade) co "horario de referencia". Por unha banda, insístese en que na Orde deberíase de establecer un tempo máximo de resolución dun mes con silencio positivo xa que na actualidade rexe a Lei de Procedemento e pola outra, en que non procede a limitación con carácter xeral para non poder flexibilizar venres tarde ou máis aló das 20:00 h.nos casos en que o centro permaneza aberto para adaptarse ao que contempla a lei de igualdade.

Dentro de todas as propostas, dúbidas e achegas recibidas por parte das compañeiras e compañeiros, que a CIG levará á Comisión de Seguimento para a súa aclaración e poder obter unha solución satisfactoria, destacamos as seguintes:

  • Problemática do persoal que ten saídas de campo, coa situación de que lles obrigan a fichar cando saen da oficina e de novo cando volven, facendo co desprazamento máis das 7:30h ao día.
  • Varios compañeiros que solicitaron o teletraballo queixáronse da falta de información sobre a non contestación por parte da Administración. Así mesmo, tamén xurdiu a proposta de realizar a petición de que se informe da relación concreta de postos que se poden acoller a esta modalidade.
  • Como se xustifican as ausencias fóra do tempo de presenza obrigada, por exemplo á hora de ir ao médico.
  • Tamén con respecto á compensación horaria comentouse o caso de se entraría dentro deste tempo a realización dun curso de formación presencial para empregados/as públicos/as.
  • Unha outra dúbida máis a este respecto da compensación xurdiu coa pregunta de como se efectuaría no caso de acollerse á hora de lactancia.
  • Problemática nos centros que pechan antes do horario de referencia que sinala a orde, onde se está a responder facilitando as chaves aos interesados.
  • Varias compañeiras da Consellaría de Facenda sinalan que lles fixeron marcar un horario de referencia na solicitude por conciliación familiar, algo do que tamén temos constancia que sucedeu na consellaría de Educación.
  • Pediuse tamén aclaración concreta sobre como se efectuaría a compensación horaria no mes seguinte no caso de vacacións, baixa médica, etc.
  • Outra das cuestións obxecto de debate estivo con respecto aos dez minutos da mal chamada "cortesía" xa que é tempo efectivo de traballo pero non se recolle no sistema: de que maneira se contabilizan, se son acumulables, etc.
  • Algunhas outras dúbidas ou queixas que xurdiron tamén foron, con respecto á hora de realizar as fichaxes, que hai unidades nas que non todo o persoal ten a disposición un ordenador persoalizado (por exemplo, o persoal subalterno) e tamén que en San Lázaro non se abre o aparcamento até ás 07:30 h e solicitan que se abra 15 minutos antes.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...