Máis de 100.000 euros para elaborar informes "a medida" da AMTEGA.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), afonda na súa intención de privatizar todos os seus servizos, entre os que inclúe o Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA) e o Centro Demostrador TIC para os que destina un total de 450.000 euros.

A CIG vén denunciando a incorporación de persoal das empresas privadas a postos directivos da AMTEGA, mais tamén a contratación de servizos externos e asistencias técnicas para realizar funcións propias dos empregados/as públicos.

O portal de contratación da Xunta amosa unha ampla listaxe dos servizos que están a privatizarse na AMTEGA. Entre eles destaca a licitación para realizar estudos e informes no ámbito da Sociedade da Información, destinando máis de 100.000 euros.

 

http://www.contratosdegalicia.es/licitacion?N=20064

Persoal da empresa privada en postos directivos

A AMTEGA conta con persoal da empresa privada para realizar as funcións de dirección na Área de Sociedade Dixital dende xuño de 2013, en substitución dunha funcionaria que ocupaba o posto ata esa data.

A privatización dos postos directivos na AMTEGA xa foi advertida pola CIG na Mesa Xeral de Empregados Públicos no pasado ano, máis segue a perpetuarse no tempo e mesmo a recoñecerse no perfil profesional en LinkedIn deste “persoal directivo”.

Conflito de competencias coas Consellarías

Que a AMTEGA queira asumir todas as funcións informáticas e tecnolóxicas non é do agrado do persoal doutras Consellarías. O conflito de competencias e as tensións orzamentarias en materia informática e no ámbito da innovación tecnolóxica xera malestar noutras dependencias da Xunta de Galiza.

No ano 2013 foron varios os funcionarios/as que solicitaron a súa saída da AMTEGA e o seu traslado a outros departamentos, especialmente á Consellaría de Educación.