Despois de ter denunciado e manifestado publicamente en innumerábeis ocasións, o lamentábel estado no que se atopa o dispositivo de incendios, ao ser fraccionado cada vez mais polo PP creando brigadas municipais, recorrendo ao amateurismo e rematando co dispositivo único, agora vemos, como mostra desta política como brigadas dos concellos e de Protección Civil van a apagar lumes sen a formación nin o material adecuado para a extinción de incendios forestais.

Como mostra, no Faro de Vigo do 11.03.2014 podemos ler unha nova sobre o incendio forestal en Cuntis onde podemos ver nunha imaxe que persoal de protección civil ataca as chamas sen ningún tipo de material adecuado.

Os/as delegados/as de prevención da CIG xa trasladaron ao Comité de Seguridade e Saúde Laboral de traballadores de Incendios a falta de formación, experiencia, medios e material adecuado destas brigadas, así como a preocupación dos/as directores/as de extinción, que teñen manifestado en máis dunha ocasión que dirixir brigadas sen medios e formación máis que unha axuda é un problema, xa que é situar baixo a súa responsabilidade a persoas que non están en disposición de atacar un incendio cun mínimo de garantías e pode poñer en risco a vida das persoas.

Dende a CIG denunciamos esta situación e poñela en coñecemento da cidadanía. así como esixirlle aos responsábeis da Xunta un Servizo Público Unificado para a extinción e prevención dos incendios forestais, fronte a atomización actual onde hai mais de oito entes e Administracións con competencias en incendios forestais. O que deixa en papel mollado a anunciada coordinación e o Mando Único e da mostra de que a actual política do PP de evitar duplicidades non é máis que demagoxia.

Se está desmantelando un servizo público, con cada vez menos persoal, sen contratacións a través das listas públicas, deixando morrer mentres se introducen empresas privadas no sector. O que aquí prima é multiplicar organismos e ceder competencias aos concellos para un uso electoralista e clientelar repartindo dádivas entre afíns, así como introducir cada vez máis a empresas privadas para facer dos incendios forestais un negocio, aínda que isto se faga sacrificando a eficacia e profesionalización na extinción e poñendo en grave risco as vidas humanas.