A Consellería de Traballo e Benestar, na súa Xefatura Territorial de Ourense, está a negarse a executar unha sentenza do Xulgado do Social nº 4 dos de Ourense, firme, onde se lle recoñece a unha traballadora desta Consellería o seu dereito a reducción de xornada para o coidado de un fillo menor.

Despois de encherse a boca ao Goberno do Estado e ao Partido Popular afirmando que a posibilidade da reducción de xornada para o coidado de fillos menores é un dereito inalienable ao/a traballador/a e a mellor forma de conciliar a vida laboral e familiar, atopámonos con que o Xefe Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, coa compracencia do Delegado da Xunta de Galiza, Rogelio Martínez,  non só denegan o dereito recollido na Lexislación da posibilidade de reducción de xornada laboral para o coidado de un fillo menor, obrigando a  esta traballadora a acudir a xustiza, senón que agora néganse a cumprir dita sentenza.

Dende a CIG queremos denunciar esta práctica caciquil e anti-social que a Xunta de Galiza, concretamente a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Ourense, que recurrentemente está a levar a cabo.

Que podemos esperar do respecto aos dereitos dos traballadores e das traballadoras por parte das empresas, cando a Consellería que ten que velar polo cumprimento das leis de igualdade e de conciliación se nega a cumprir as sentenzas?

Cales son as directrices políticas que ten o Partido Popular para impedir que unha traballadora poida adaptar o seu horario de traballo ao coidado do seu fillo? Esta é a tan chamada política de familia do Partido Popular?

Máxime cando estamos a falar de que un xuíz entendeu perfectamente a necesidade imperiosa desta persoa dunha reducción da súa xornada laboral, coa conseguinte reducción do seu salario, dunha hora e media ao día para poder adaptar o seu horario ao do centro escolar, despois, tal e como se recolle na sentenza, da negativa da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Ourense, a negociar unha reducción de xornada coa traballadora.

Dende a CIG esiximos o inmediato cese do Xefe Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Ourense, José Selas, xa que é inconcibible que o xefe de persoal da Consellería de Benestar en Ourense continuamente estea a practicar unha política anti social e contra os dereitos dos traballadores, aínda cando estes son recoñecidos pola Xustiza.