Son demandas relativas á paga extra de decembro do 2012 do persoal funcionario.

As catro organizacións sindicais con presenza na Mesa Xeral da Función Pública de Galiza (CIG, CCOO, UGT e CSIF) van presentar máis de 400 demandas pola vía do contencioso-administrativo no caso de que a Xunta non estime na vía administrativa as reclamacións presentadas reclamando o cobro da paga extra de decembro de 2012.

Xa hai varias sentenzas favorábeis onde se recoñece o dereito á percepción da parte devengada da paga extra do ano 2012 a raíz das demandas presentadas perante os xulgados tanto para persoal laboral como funcionario.

No caso dos funcionarios/as, a diferenza do persoal laboral, hai que se acudir á vía administrativa porque non dispón dos recursos xurídicos que teñen os laborais a través de conflito colectivo e por iso recorremos a presentar demandas individuais por cada un dos diferentes ámbitos (persoal funcionario da Xunta, persoal funcionario Docente, persoal estatutario, etc) co obxecto de que si son estimadas se solicite a extensión da sentenza a todo o persoal funcionario de cada ámbito.

Esperamos que as Administracións, dunha vez, fagan efectivo o pagamento da extra, ou como mínimo da parte da paga extra de 2012 devengada sen obrigar a colapsar xulgados e mesmo evitando que a Administración teña que facer fronte ás costas que vén impoñendo a xustiza. Costas cuxa contía media ascende a uns 300€.

As Administracións Públicas non poden estar están dilapidando cartos públicos sen lles importar que as contías das costas xudiciais sexan nalgúns casos superiores ás contías da paga extra que teñen que devolver. Prefiren gastar cartos que son de todas e todos nós para retrasar uns pagos que ao final van ter que facer efectivos empeñándose mesmo en facer recursos a canta sentenza favorábel que sae dos xulgados.