Ante a intención desa consellaría de modificar unilateralmente as funcións e condicións de traballo de axentes facultativos medioambientais, axentes forestais, técnicos e persoal laboral do SPDCIF.

O día 10 de marzo, as organizacións sindicais mantivemos unha reunión co secretario xeral de Medio Rural e Montes da Consellaría de Medio Rural e do Mar sobre cuestións organizativas dos distritos forestais.

Nesta reunión tratáronse varios asuntos de grande relevancia e que son materia de negociación colectiva, tal e como se establece no EBEP.

Para nós é preocupante que dende esa Secretaría Xeral se considere que estas materias non son obxecto de negociación e poidan ser implementadas a través de circulares e instrucións, obviando o carácter negocial anteriormente mencionado desas materias.

No caso do persoal funcionario, e en relación aos/as técnicos/as xunto co tratado na reunión recibiuse nas pasadas semanas un documento borrador titulado “Circular sobre organigrama e designación de funcións nos Distritos Forestais”, que afecta ás funcións, organización e métodos de traballo de determinados postos de traballo (xefe de distrito e técnicos de distrito).

En relación a axentes facultativos medioambientais e axentes forestais, o exposto na reunión tamén excede do meramente informativo ou da potestade de autooganización da Administración polos mesmos motivos que o anterior, ademais de modificar os sistema de provisión de postos.

En relación ao persoal laboral do SPDCIF o comunicado é aínda máis grave, xa que polo vínculo xurídico deste persoal, a obrigatoriedade de negociación é aínda máis xustificada con visos máis que probables de que unha impugnación xudicial de por nula calquera modificación substancial non negociada.

Todo isto danos mostra da mentalidade dictatorial que impregna a cúpula directiva desta consellaría, onde entenden que NEGOCIAR significa COMUNICAR, e pensan que con iso é suficiente.

No caso de que sigan adiante co seu proxecto sen abrir ningunha vía de negociación teremos que recurrir á denuncia nos xulgados.