A CIG vén de presentar un completo documento de alegacións ao borrador de Instrucións de desenvolvemento da Orde de xornada, horario laboral, flexibilidade e teletraballo. Por outra banda, anunciamos o recurso contencioso contra actual Orde por vulneración da lei de igualdade e facemos denuncia pública da intención de seguir vulnerándoa a través desta proposta de instrucións.

Con carácter xeral:

-          Reiterámonos nas nosas últimas alegacións á Orde do 20 de decembro de 2013 non atendidas. Instamos primeiramente á modificación daqueles elementos na orde que consideramos contrarios á lei referentes á flexibilidade familiar, polo que vimos de presentar recurso contencioso-administrativo con data de 27/02/2014. En calquera caso, entendendo, aínda que non compartindo, as desconfianzas iniciais da Administración, cremos necesario establecer unha folla de ruta de mellora, en función dos datos de implantación, tanto da orde como das instrucións en temas como: a flexibilidade realmente automática, recuperación dos venres tarde como horario potencialmente laborable, ampliación do tempo de fichaxe ou a posibilidade de compensar e regulamentar o tempo realizado en exceso nunha bolsa para o mes seguinte.

-          Reiteramos a nosa petición de que dos escritos que presenten as traballadoras e traballadores diante da Comisión de seguimento, nos sexa remitida copia para o seu estudo e poder logo ser tratados e tomar unha decisión na videira reunión da dita comisión.

-          Reiteramos de novo a petición dos anexos aos que fan referencia estas instrucións e a necesidade de incorporar nas propias instrucións o protocolo de transmisión de datos acordado, así como un prazo límite para a entrada en funcionamento do sistema telemático de acceso a eses datos en tempo real.

-          Solicitamos que se reflicta a aplicación da Disposición Adicional 1ª da Orde e os avances ao respecto da implantación da Administración electrónica con relación aos procedementos administrativos descritos nestas instrucións (solicitude, informes, resolución, notificación...). Un primeiro paso sería que a solicitude da flexibilidade ou teletraballo poida xa ser realizada telematicamente, máis tendo en conta que as tarxetas de empregado/a público/a teñen a posibilidade de asinar dixitalmente.

-          Solicitamos que as ditas instrucións sexan publicadas no DOG, como así se publicaron as últimas Instrucións de vacacións, permisos e licenzas, ou mesmo as últimas da xornada de verán.

-          Quedan fóra destas instrucións as peculiaridades daqueles postos, que aínda de horario xeral, realizan traballos fóra do centro de traballo (saídas de campo, inspeccións, etc.). Fican sen regulamento específico sobre os seus fichaxes de entrada e saída e a compensación do tempo a maiores no que poidan incorrer nos seus desprazamentos. Solicitamos que se recollan nas Instrucións os criterios de aplicación da flexibilidade horaria e, en xeral, da fichaxe co sistema Kronos, aos referidos postos.

Para coñecer as alegacións completas, descarga o documento de alegacións.