Mentres o PP se gaba do seu apoio á familia, de portas para adentro da Xunta non é capaz sequera de garantir o cumprimento da lexislación de igualdade.

Comezouse a escoitar falar de flexibilidade na Xunta a raíz da negociación da Orde de xornada laboral, flexibilidade e teletraballo. Porén, xa existía flexibilidade na Xunta, na súa modalidade familiar desde que, no 2007, se aprobara a lei galega de traballo en igualdade.

Esta lei modificaba o artigo 44 da primeira lei galega de igualdade do ano 2004 e recoñecía o dereito á flexibilidade laboral por motivos familiares a persoas con fill@s menores de 12 anos ou con familiares convivintes que por razón de idade ou enfermidade precisaran de asistencia. A lei fala de establecer un horario de referencia “o máis amplo posible” que permita o propio centro e nese horario cumprir a xornada en cómputo mensual con “absoluta liberdade”.

Coa aprobación da nova Orde de flexibilidade houbo un repunte de solicitudes e en 2 meses escasos, desde a súa aprobación, 268 persoas solicitaron este dereito. Iso a pesar de que as condicións recollidas pola orde resultaban máis limitantes que a propia lei e ata certo punto contrarias a ela.

A orde establece con carácter xeral un horario máximo de referencia para todos os centros da Xunta, independentemente da súa apertura; de feito establece con carácter xeral a imposibilidade de poder flexibilizar o traballo os venres pola tarde en todos os centros da Xunta, aínda que estean abertos. Por este motivo a CIG presentou xa un recurso contencioso administrativo a finais do pasado mes de febreiro.

Pero a cousa non queda aí. A través desta orde tentou tamén a Xunta de establecer un “horario de presenza obrigada” e mesmo a necesidade de entrar en xustificacións familiares persoais, máis aló das únicas que establece a lei, para valorar a súa concesión. A CIG advertiulle a Administración que isto era diametralmente contrario á Dereito e finalmente, trala fase de informe da Asesoría Xurídica, este intento de vulnerar a lei a través dunha orde decaeu.

Porén, despareceu do papel pero algo na tramitación destas solicitudes non marchaba: comezou a ralentizarse a súa resolución e había consellarías que as tiñan paralizadas porque as traballadoras e traballadores que querían exercer o seu dereito á flexibilidade familiar non se autoimpuñan un horario de presenza obrigada. A finais de febreiro (nos únicos datos facilitados pola Administración) 1 de cada 3 destas solicitudes ficaba paralizada.

Porén, agora a Xunta volve a carga, a través do borrador de instrucións que nos remitiu ás centrais sindicais rescata de novo o intento de limitar un dereito regulamentado na lei de igualdade cunha norma de carácter administrativo (ver páx. 5,6 e 7 das instrucións).

A única ferramenta que recoñece a lei para conxugar as necesidades do centro e o dereito á flexibilidade familiar é modificarlle á traballadora ou traballador o seu horario de referencia. Pero non está previsto na Lei a imposición dunha franxa diaria na que o horario de traballo sexa fixo e tampouco se condiciona a autorización do horario de referencia máis amplo posible á concorrencia de máis circunstancias persoais ou familiares que as contempladas na propia lei.

Entón, porque fai isto a Xunta? Temos coñecementos que foron moitos os receos da Consellaría de Facenda fronte a consellaría de Presidencia, gran impulsora desta Orde polo seu claro impacto político positivo. Precisamente foi a Consellaría de Facenda a que máis paralizou as flexibilidades familiares e presionou ao seu persoal. Ao non haber intencións de publicar este texto, non podemos desde a CIG presentar un recurso e, xa que logo, a traballadora ou traballador queda só na defensa dos seus intereses e ten que valorar se lle compensa (mesmo economicamente) meterse nun recurso xudicial individual.

Desde a CIG rexeitamos en primeiro lugar o atraso na tramitación das flexibilidades familiares que tentan forzar un horario de presenza obrigada e rexeitamos este novo intento da Xunta de modificar unha lei a través dunhas instrucións. Por outra banda, non nos parece propio do partido que Goberna a Xunta, un partido que se gaba do seu apoio á familia de cara ao público pero que de portas para dentro nin sequera é capaz de garantir o cumprimento da lexislación.