Dende a CIG-Administración denuncian un novo caso de “nepotismo e enchufismo” na Consellería de Traballo e Benestar

A CIG-Administración vén de denunciar publicamente un novo caso de “nepotismo e enchufismo” na provincia de Ourense por parte do delegado da Xunta, Rogelio Martínez, e do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas. A central sostén que o departamento autonómico “inventou” unha praza inexistente nun centro de formación profesional para colocar a un “comisario político” do PP.
 
San CaetanoSegundo explican dende o sector de Autonómica da CIG-Administración, “atopámonos coa invención dunha praza de responsábel no centro de formación profesional Valverde de Requeixo-Allariz, dependente organicamente do centro integrado de formación profesional Santa María de Europa de Ourense, na que figura José Antonio Cid Vila".

Dende a CIG denuncian que esta praza non existe no organigrama da Consellería de Traballo e Benestar, “e non temos constancia de que esta persoa aprobase algunha oposición ou que teña sido contratado como funcionario interino ou persoal laboral temporal; é máis, temos fundadas sospeitas de que figura tanto no IAE como na Seguridade Social como autónomo”.

Para a central nacionalista trátase dun novo intento de enchufar a unha persoa que, segundo a información que manexa a CIG, “o único mérito coñecido que ten é o de ser un comisario político do Partido Popular e amigo persoal do anterior portavoz do PP Antonio Miranda”.  Na súa opinión, con esta manobra a Xunta pretende novamente que persoal alleo á Administración entre nela pola porta de atrás sen respectar ningún dos principios constitucionais de acceso á función pública.

Finalmente esixen que, de confirmarse a vinculación desta persoa como autónomo para traballar nun posto de administración da Xunta, sexa anulado o contrato e se cree o posto de responsábel do centro de formación ocupacional Valverde na Relación de Postos de Traballo da Consellería de Traballo e Benestar e se cese de xeito inmediato ao delegado autonómico en Ourense e ao xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar.