O DOG do 25 de abril de 2014, 40 aniversario da Revolución dos Caraveis, publicou a lei aprobada polo Parlamento de Galiza pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

A Lei ten varios artigos referentes ao ámbito laboral, como establecer normativa sobre medidas de promoción de igualdade de trato e non discriminación por parte da Administración autonómica galega.

O artigo no que nos queremos centrar é o referente ás organizacións sindicais e a negociación colectiva. O artigo 13 da Lei insta ás organizacións sindicais presentes no diálogo social a unha serie de principios:

 

1. Impulsar medidas inclusivas para persoas LGTBI nos convenios colectivos de todos os sectores laborais.

2. Informar sobre a normativa en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

3. Promover os dereitos e a visibilidade das persoas LGTBI nos lugares de traballo.

4. Tratar de xeito específico a discriminación múltiple, na que a causa de orientación sexual e identidade de xénero se combine coa de sexo ou enfermidade, discapacidade física ou intelectual ou pertenza a calquera etnia ou relixión, así como a discriminación de persoas transexuais e transxénero, e incentivar a súa contratación.

5. A representación legal das persoas traballadoras velará pola promoción do dereito á igualdade de trato e non discriminación na empresa por razón das causas previstas nesta lei e, en particular, en materia de medidas de acción positiva, e pola consecución dos seus obxectivos.

A CIG, inda que non está presente nas mesas de Diálogo Social, asume plenamente os principios da Lei.