Novas por contido

O 10 de xaneiro de 2014 publicouse no DOG a Orde de 23 de decembro de 2013 da Consellaría de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014 (AFD).

A CIG-Autonómica ten coñecemento de que persoal da Administración xeral destinado en centros de ensino de Educación nos que se imparten os referidos cursos de AFD a pesar de colaborar en tarefas auxiliares necesarias para a impartición destas accións formativas, alleas á Consellaría de Educación, Cultura e O.U., está excluído na práctica do reparto dos fondos que a Consellaría de Traballo e Benestar destina ao centros, e que se distribúen exclusivamente entre persoal docente e equipos directivos.

 

Porén, o artigo 30 da Orde do 23 de decembro de 2013, na enumeración dos custos subvencionables cos fondos destinados a estas accións formativas, contempla a inclusión do "persoal de apoio" :

1. Custos de persoal de apoio: os custo de persoal de apoio tanto interno como externo
e todos os necesarios para a xestión e execución da actividade formativa. Inclúense neste concepto os gastos de persoal directivo e administrativo estritamente necesarios para a preparación, xestión e execución da acción formativa. En particular, os gastos de selección de alumnado, os derivados da realización de informes de contabilidade e auditoría, cando o dito informe non sexa preceptivo para a entidade beneficiaria.

Xa que logo, desde a CIG consideramos que os centros de ensino dependentes da Consellaría de Cultura, Educación e O.U. deberían incluír como custo subvencionable o persoal da Administración xeral que desenvolve tarefas de apoio para estes cursos: entre outras, a xestión das matrículas, a atención ao alumnado, ou a realización de fotocopias.

Por outro lado, constatamos que a práctica das direccións dos centros é presumir que o persoal laboral e funcionario da Administración xeral  debe colaborar sen recibir ningún tipo de compensación cunha actividade allea ao centro, para a que este recibe uns fondos específicos, asumidos pola Consellaría de Traballo e Benestar.  En contraste, o persoal docente destinado nos centros onde se imparten cursos AFD incríbese en listas de carácter voluntario para constar como persoal colaborador nos mesmos.

Esta práctica contrasta ademais co disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, en cuxo artigo 26 bis, na redacción dada polo Decreto 96/2011, do 5 de maio, estipula o dereito do persoal funcionario e laboral da Administración xeral a recibiren indemnizacións en caso de colaboración con tribunais de selección de persoal docente en razón de que, ao igual que os cursos de AFD, se trata de actividades alleas ao centro.

Por estas razóns, a CIG-Autonómica vén de se dirixir á C. de Cultura, Educación e O.U. instádoa a que inclúa como beneficiario das indemnizacións, ademais do persoal docente, ao persoal da Administración xeral que colabora en tarefas auxiliares necesarias para a impartición de cursos AFD alleos aos centros de ensino, incidindo ademais en que a colaboración do persoal dos centros en tarefas alleas debería ter carácter voluntario

Descargar o escrito dirixido pola CIG á C. de Cultura, Educación e O.U.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...