No ano 2008, durante a negociación do Convenio Provincial de Transportes e Mercadorías da provincia de Pontevedra, os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocamos unha folga para reivindicar a mellora das súas condicións. Durante a mesma algúns compañeiros foron identificados pola policía mentres actuaban como piquetes informativos e posteriormente denunciados.

Froito desa denuncia realizáronse varios xuízos cuxo resultado foi absolvelos de calquera dano a todos os efectos (ademais ningún traballador nin empresa presentou cargos nin culpou a estes compañeiros). Porén, un xulgado de Vigo considerou que Serafín Rodríguez Martínez (CIG) e Carlos Rivas Martínez (UGT) eran culpables dun delito contra os dereitos dos traballadores (art. 315.3 do Código Penal) e condenounos á pena máxima posible por ese delito: 3 anos de prisión.

Esta sentenza foi recorrida e, finalmente, solicotouse o indulto para ambos compañeiros. O Goberno español denegou o indulto, o que obriga a estes compañeiros e aos sindicatos CIG e UGT a solicitar un recurso de casación e un último intento de concesión dun indulto.

A execución da sentenza (a entrada en prisión por tres anos) está suspendida pola xuiza ata que non se resolva a segunda petición de indulto, suspensión recorrida polo fiscal.

Xoves 8 de maio, concentración ás 20h diante do Marco, en Vigo.

Non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder.